Rupicapra é un xénero de mamíferos artiodáctilos da familia dos bóvidos e subfamilia dos caprinos, que habitan en moitas cadeas montañosas de Europa, como a cordilleira Cantábrica, os Pireneos, os Alpes, os Apeninos, os Cárpatos, os Balcáns e, en Asia Menor, no Cáucaso e certas zonas montañosas de Turquía, e que son coñecidos como rebezos.[2]
O xénero Rupicapra foi considerado tradicionalmente pola comunidade científica como monoespecífico (a pesar de que algúns postulaban que se distinguían dúas especies) pero, tras estudos morfolóxicos, xenéticos, e etolóxicos acordouse, en 1985, a súa separación en dúas especies.[3]
O xénero foi creado en 1816 polo naturalista francés Henri Marie Ducrotay de Blainville, e publicada no Bull. Sci. Soc. Philom., de París.
A especie tipo do xénero é Capra rupicapra Linnaeus, 1768, hoxe clasificada como Rupicapra rupicapra.[3]
Blainville tirou o nome do elemento rupi-, tirado do latín rupi, xenitivo de rupes, 'rocha', e o latín capra, 'cabra'; literalmente, 'a cabra das rochas'.
Na actualidade, no xénero Rupicapra distínguense estas dúas especies:[3]
De morfoloxía semellante á dunha cabra, pero sen barba no *mento, a lonxitude do corpo nos adultos oscila entre os 113 e os 134 cm (contando a curta cola, de 3 ou 4 cm); a altura na cruz é duns 75 cm e o peso varía entre os 20 e os 30 kg. A especie R. pirenaica é máis lixeira que R. alpina; e en ambas as especies os machos son maiores que as femias.
Ambos os sexos teñen cornos, relativamente finos, que na base son verticais e despois curvados cara a atrás (máis nos machos).
As patas son fortes e ben adaptadas á vida entre as rochas: os pezuños son anchos, e están rematados en punta, presentando almofadiñas brandas cubertas por unha vaíña dura e, para mellor adherencia, hai unha membrana interdixital que fai aumentar a superficie do pezuño cando o animal camiña sobre a neve.
A pelaxe no verán é de cor parda avermellada, e no inverno parda escura, case negra; nos machos a coloración é máis escura que nas femias. Na cabeza amosan manchas escuras e claras ben definidas, presentando unha banda de cor case negra desde a boca até os ollos. Tamén é negra a parte superior do lombo e a cola.[4][5][6]
Viven nas montañas, orixinalmente moi cinguidos aos bosques (caducifolios, de coníferas ou mixtos), especialmente en ladeiras cpn moita pendente e abundancia de rochas. Porén, frecuentan tamén os terreos rochosos por riba do límite das árbores.[4][5]
O xénero Rupicapra estendeuse ampiamente a través de Europa durante o plistoceno medio (hai uns 500.000 anos).[8] Na actualidade os representantes do xénero ocupan os hábitat altitudinais medios e altos da maior parte das grandes cadeas montañosas do sur de Europa, estendéndose até o Cáucaso.
Un total de dez poboacións ben definidas de membros deste xénero, clasificadas tradicionalmente como taxons a nivel de subespecie.[9][10]
Baseándose en diferenzas morfolóxicas, xenéticas e etiolóxicas,[9][11] propúxose a separación das subespecies que ocupan o suroeste de Europa, Rupicapra p. parva nas montañas cantábricas, Rupicapra p. pyrenaica nos Pireneos e Rupricapra p. ornata nos Apeninos, das do resto de Europa e Asia Menor, coa creación de dous novos taxons a nivel de especie, o que, como quedou dito, foi recoñecido en 1985 pola comunidade científica internacional.
Recentes estudos suxiren que Rupicapra rupicapra evolucionou no leste de Europa e Asia Menor durante un período de illamento xeográfico e, desde alí, recolonizaron o oeste de Europa durante a glaciación Würm II (40.000 - 60.000 a. C.) nunha segunda oleada de colonización (a primeira sería a que daría lugar ás diferentes subespecies de Rupicapra pyrenaica.[12]
Porén, baseándose na correlación entre as distancias xenéticas e xeográficas, suxeriuse que o que puido ocorrer é que as distintas poboacións do xénero sufriron, durante o plistoceno, expansións e contraccións da área que ocupaba, asociadas a períodos glaciares e interglaciares. Como consecuencia destes movementos, que producían illamentos e contactos entre as poblacións, foi o clíma cálido do holoceno, (os 11.000 últimos anos), o que illou definitivamente as actuais poboacións.[7]
Os rebezos son obre todo diúrnos, descansando ao medio día (especialmente nos días calorosos do verán), e son raramente activos pola noite. Son áxiles trepadores, marchan regularmente ao paso e ao galope, raramente ao trote. Poden realizar saltos de até 2 m de altura e 6 m de lonxitude. Saben nadar, aínda que no o fan máis que en caso de necesidade.
Son animais sociais, e viven en pequenos rabaños formados por femias, as crías do ano e individuos xuvenís (ás veces, tamén acompañados por un ou dous machos adultos) e guiados por unha femia vella. Os machos son solitarios ou viaxan reunidos en pequenos grupos.[4][5]
En inverno refúxiase nos bosques alimentándose de musgos, liques e poliñas.
A esperanza de vida destes animais é de 15 a 20 anos.[5]
Segundo a UICN o estado de conservación de ambas as especies, a data do ano actual (2014) é de LC (pouco preocupante).[13][14]
En Galicia, nas serras orientais lugesas e ourensás (Ancares, Courel, Enciña da Lastra) vive a especie Rupicapra pyrenaica, da subespecie ibérica R. p. parva Cabrera, 1911. O número de exemplares é escaso, pero na actualidade está colonizando novas zonas.[6]
Debido á relativamente recente distinción en dúas especies, ambas as dúas denomínanse en galego cos seguintes nomes:[15]
Segundo o Dicionario actual da RAG o normativo é rebezo, aplicado só ao animal.[2] Non admite este dicionario, como fan os históricos, os sinónimos gamuza (evidentemente un castelanismo, aínda que moi estendido entre os falantes) nin o galego-portugués camurza/camurça, que se empregan tamén para designar o produto confeccionado coa pel destes animais unha a vez curtida, termo que se xeralizou a calquera pel de animal curtida empregada na fabricación de pezas de roupa de vestir, luvas etc. Así como tampouco considera, por tanto, esta segunda acepción. Cómpre sinalar que os dicionarios históricos só admiten gamuza e camurza para a segunda acepción.
Ningún dos grandes dicionarios modernos (Cumio, Ir Indo, Xerais) consideran nin camurza nin gamuza. Pero o Dicionario Cumio castelán-galego (2001), e mais o Gran dicionario século 21 galego/castelán-castelán/galego (Galaxia/O Cumio, 2006) dan como equivalente galego para o castelán gamuza (ademais de rebezo), as acepcións «pel de rebeco [sic] que unha vez curtida queda suave e flexible, de cor amarelada e aspecto avelulado», «tecido de la ou algodón que presentan [sic] un tacto suave e aspecto semellante ao da pel de rebeco [sic] curtida» e «baeta de rebeco [sic], baeta feita co devandito tecido», seguindo ao Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega (Fundación Pedro Barrié de la Maza/Real Academia Galega, 2004).
Rupicapra é un xénero de mamíferos artiodáctilos da familia dos bóvidos e subfamilia dos caprinos, que habitan en moitas cadeas montañosas de Europa, como a cordilleira Cantábrica, os Pireneos, os Alpes, os Apeninos, os Cárpatos, os Balcáns e, en Asia Menor, no Cáucaso e certas zonas montañosas de Turquía, e que son coñecidos como rebezos.
O xénero Rupicapra foi considerado tradicionalmente pola comunidade científica como monoespecífico (a pesar de que algúns postulaban que se distinguían dúas especies) pero, tras estudos morfolóxicos, xenéticos, e etolóxicos acordouse, en 1985, a súa separación en dúas especies.