Tarsius pelengensis é unha especie de mamífero primate haplorrino tarsiiforme da familia dos tarsíidos e xénero Tarsius,[2] coñecido na bibliografía internacional como tarsio de Peleng, endémica das selvas da illa de Peleng, Indonesia, preto da de Célebes.[1].
A especie foi definida en 1949 polo zoólogo neerlandés Henri Jacob Victor Sody en "Notes on some primates, carnívora and the babirusa from the Indo-Malayan and Indo-Australian regions". Treubia 20: 121-190.[3]
Durante un tempo coñeceuse como Tarsius spectrum pelengensis, porque se pensou que era unha subespecie de Tarsius spectrum,[4] da veciña illa de Célebes (Sulawesi), pero Groves e Shekelle confirmaron no ano 2000 que se trataba dunha especie independente do xénero Tarsius.[5]
É un tarsio de moi pequeno tamaño: os adultos pesan uns 165 g.[6]
Morfoloxicamente é moi semellante a outros tarsios, pero Groves confirma que se trata dunha especie distinta.[7]
As súas vocalizacións mostran moitas similitudes superficiais obvias con Tarsius dentatus, e podería estar relacionado con esa especie.[1]
Tarsius pelengensis distribúese pola illa de Peleng, fronte as costas da península oriental da de Célebes, en bosques tropicais até unha altitude de 520 m.[8]
Hai informes, non confirmados, de que poden existir poboacións de Tarsius pelengensis noutras illas do arquipélago Banggai; de confirmárense estes informes, ampliaríase a área de distribución da especie.[1][6]
Esta especie non está ben estudada, e crese que vive en bosques primarios e secundarios, en selvas das terras baixas e en mangleiros.[1]
Igual que outros tarsios, mostran adaptacións extremas para aferrarse verticalmente aos troncos de árbores e arbustos, e para saltar dunha planta a outra, no sotobosque de hábitats tropicais adecuados, a miúdo a 2 m do solo, ou menos.
Son nocturnos, sociais, que adoitan viviren en pequenos grupos, monógamos ou polígamos, formados por 2 a 6 exemplares.
Aliméntanse de presas vivas, principalmente insectos e outros artrópodos, e algúns pequenos vertebrados.[1]
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) en 2008 cualificou o status desta especie como EN (en perigo) debido a que habita soamente na illa de Peleng, con varios núcleos de poboacións fragmentados nunha área menor de 5.000 km², e crese que a poboación total está declinando continuamente pola degradación dos seus hábitats.[1]
Tarsius pelengensis é unha especie de mamífero primate haplorrino tarsiiforme da familia dos tarsíidos e xénero Tarsius, coñecido na bibliografía internacional como tarsio de Peleng, endémica das selvas da illa de Peleng, Indonesia, preto da de Célebes..