Tenrec ecaudatus é unha especie de mamífero placentario da orde dos afrosorícidos, familia dos tenrécidos e subfamilia dos tenrecinos,[1] a única do xénero Tenrec.[2] coñecido na bibliografía internacional como tenrec común ou tenrec sen cola.[3]
É un pequeno insectívoro terrestre co corpo cuberto de pugas coa aparencia dun ourizo cacho, aínda que bastante máis alongado ca este.
Orixinario de Madagascar, foi introducido polo ser humano como fonte de alimentación en varias illas veciñas do océano Índico, como as da Reunión, Mauricio, as Comores, ou incluso nas Seychelles, onde se naturalizaron, xa que a súa carne é moi apreciada na gastronomía local e, en moitos lugares a súa caza está regulamentada.
O xénero Tenrec foi descrito por primeira vez en 1799 polo zoólogo francés Bernard-Germain de Lacépède, na súa obra Tableau des divisions, sous-divisions, ordres et genres des mammifères.[2]
Ademais de polo nome que lle impuxo Lacépède, coñécese tamén polo sinónimo Tenrecus Desmarest, 1820.[2]
Á especie Tenrec ecaudatus desribíraa en 1778 o zoólogo alemán, discípulo de Linneo, Johann Christian Daniel von Schreber, en Die Säugetiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibungen, 3: 590.[1] Non se coñecen subespecies.
O nome do xénero, Tenrec, deriva do termo francés tenrec, que o incorporou contra 1720-30 adaptando o termo malgaxe tàndraka ou tràndraka (tamén coas variantes tanrac e tandrec).[4][5][6][7][8][9]
O epíteto específico, ecaudatus, é un adxectivo do latín científico formado pola preposición latina e que, como elemento de composición, significa "privación", e o adxectivo latino caudātus, "con cola". Literalmente: "sen cola".
O tenrec común é a especie de tenrec terrestre máis grande, xa que mide de 26 a 39 cm de lonxitude e pesa de 1,5 a 2,5 kg. A pesar do seu apelido en varios idiomas de sen cola, en realidade a ten, aínda que moi curta, de 1 a 1,5 cm de lonxitude e normalmnte non visíbel a simple vista. A súa pelaxe é áspera e longa, de cor gris ou gris avermellada; algúns pelos están transformados en pugas distribuídas por todo o corpo, o que lle dá a aparencia de ourizo. A femia ten 12 pares de mamas.[10]
O seu hábitat natural son os bosques secos tropicais ou subtropicais, os bosques baixos húmidos tropicais ou subtropicais, as rexións montanas húmidas tropicais ou subtropicais, as sabanas secas, as zonas de matogueiras secas e húmidas tropicais ou subtropicais, as matogueiras de gran altitude tropicais ou subtropicais, as praderías secas e de gran altitude tropicais e subtropicales, as terras arábeis, os pasteiros, os xardíns rurais e mesmo as áreas urbanas.[11]
É esencialmente un animal solitario e de hábitos nocturos, e non se reúne con outros espécimes, brevemente, durante a época de cría e, ás veces durante a hibernación.
Cando é ameazado, esta especie de tenrec chía, endereza as súas pugas formando unha especie de crista, salta e morde. Duarante o día refúxiase nun niño de follas baixo unha rocha, un tronco ou un arbusto.
O tenrec común está considerado como un dos mamíferos máis prolíficos do mundo, se non o máis. Despois dun período de xestación de 50 a 60 días, as femias poden parir até 32 crías por camada, cun promedio de 15 a 20, o que está confirmado polo menos en exemplares en catividade.[10][12] Estas poden ter unha librea raiada con listas brancas e negras.
O tenrec común é o primeiro mamífero tropical coñecido por hibernar. Durante a estación seca pode pasar até nove meses nun período de dormencia.[10][13]
A pesar de estar incluído até pouco entre os insectívoros, no só come insectos, senón tamén pequenos invertebrados, que busca entre as follas caídas, cazando ras e ratos, e tamén consome cadáveres.
En 2008 foi catalogado na Lista vermella da UICN como especie de status "pouco preocupante" (LC, do inglés Least Concern), por ser unha especie amplamente distribuída e nun hábitat intervido polo ser humano, pero sen ameazas maiores para eles, cualificación que se mantén a día de hoxe (outubro de 2015).[11]
O tenrec común foi introducido polo home como fonte de alimentación, desde o seu lugar de orixe, Madagascar, en varias illas veciñas do océano Índico, como as da Reunión, Mauricio, as Comores, ou incluso nas Seychelles, onde se naturalizaron, xa que a súa carne é moi apreciada na gastronomía local e, en moitos lugares a súa caza está regulamentada.
Na Reunión e en Mauricio, a carne do tenrec é un alimento moi popular. Prepárase guisada ou con curry. Nas Comores e en Madagascar tamén se consome.
Os cazadores do tenrec a miúdo van acompañados por un can que lles permite localizar máis facilmente os tobos do animal.
A apertura e o peche dos períodos de caza establécense por decreto das autoridades.
Un tenrec antropomorfo chamado Bayoun foi a mascota oficial dos V Xogos das Illas do océano Índico, organizados na Reunión en 1998. Este evento deportivo, que está recoñecido polo Comité Olímpico Internacional, reúne atletas dunha media ducia de illas do suroeste do océano Índico desde 1979.
Schreber, J. C. D. (1777): Die Säugthiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibungen 1776-1778. Wolfgang Walther, Erlangen, 3: 590, pl.165.
Tenrec ecaudatus é unha especie de mamífero placentario da orde dos afrosorícidos, familia dos tenrécidos e subfamilia dos tenrecinos, a única do xénero Tenrec. coñecido na bibliografía internacional como tenrec común ou tenrec sen cola.
É un pequeno insectívoro terrestre co corpo cuberto de pugas coa aparencia dun ourizo cacho, aínda que bastante máis alongado ca este.
Orixinario de Madagascar, foi introducido polo ser humano como fonte de alimentación en varias illas veciñas do océano Índico, como as da Reunión, Mauricio, as Comores, ou incluso nas Seychelles, onde se naturalizaron, xa que a súa carne é moi apreciada na gastronomía local e, en moitos lugares a súa caza está regulamentada.