Aliivibrio finisterrensis sp. nov.[2] é unha nova especie de bacterias gramnegativas da familia Vibrionaceae[3], que foi descuberta en diversas partes da costa galega vivindo en ameixas polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Roxana Beaz-Hidalgo, Alejandra Doce, Sabela Balboa, Juan L. Barja e Jesús L. Romalde.[4] O seu nome fai referencia a finisterra (o fin da terra en latín), xa que Galicia na antigüidade romana era considerada o fin do mundo.
Nunha serie de estudos comezados en 2004 e 2005 da flora bacteriana da costa galega, illáronse da ameixa xaponesa (Ruditapes philippinarum) cultivada en Galicia catro cepas de bacterias coas características das vibrionáceas, e moi relacionadas con outras especies do xénero Aliivibrio, pero diferentes delas, polo que se propuxo en 2010 a creación da nova especie A. finisterrensis. As análises de hibridación ADN-ADN coas outras especies do xénero confirmaron que os valores estaban por debaixo do 70%, o que xustificaba a creación da nova especie.[5]
A especie ten forma de bacilo de 1,36–2,15 microns de lonxitude e 0,80–1,05 microns de largura, e as células poden aparecer soas, en pares ou en agregados de moitas células. Ten un flaxelo polar e é anaerobia facultativa. Forma colonias arredondadas de marxes lisas. Fermentan a glicosa sen produción de gas e son oxidase e catalase positivas. Algunhas cepas reducen os nitratos. Viven optimamente a concentracións do 1 ao 3% de NaCl e o seu rango de temperaturas vai de 4 a 35 °C. A diferenza doutras vibrionáceas, esta especie non é bioluminescente. Son urease positivas e fermentan a xentiobiosa.[5]
Aliivibrio finisterrensis sp. nov. é unha nova especie de bacterias gramnegativas da familia Vibrionaceae, que foi descuberta en diversas partes da costa galega vivindo en ameixas polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Roxana Beaz-Hidalgo, Alejandra Doce, Sabela Balboa, Juan L. Barja e Jesús L. Romalde. O seu nome fai referencia a finisterra (o fin da terra en latín), xa que Galicia na antigüidade romana era considerada o fin do mundo.