A toupa ibérica (Talpa occidentalis) é unha especie de mamífero soricomorfo da familia Talpidae endémica do oeste e centro da Península Ibérica[1] que vive comendo vermes e miñocas baixo terra. A toupeira adóitase atopar en praderías, cultivos regados e terreos de bo solo orgánico. Tamén habita bosques de chopos, freixos e olmos.
Diferénciase da toupa europea polo seu menor tamaño, por ter os ollos totalmente tapados polo pelo, un cranio máis alongado e estreito, e polos pelos brancos que cobren as poutas e mailo fociño. A cola é curta e atópase cuberta de pelo, as súas poutas son grandes. O fociño é cónico e con longos bigotes (vibrisas) que, ao igual cós pelos das poutas, serven para detectar vibracións e apalpar.
É unha especie escarvadora que, como o seu parente europeo habita en lugares con solo profundo que non sexa nin moi pedregoso, areoso ou encharcado. Áchase con frecuencia en praderías e pasteiros. No sur da súa área de distribución está restrinxido ás zonas montañosas. Aliméntase de invertebrados, sobre todo de miñocas. Considérase unha praga que dana os pastizais, sendo perseguido polos agricultores.[2]
As formas máis comúns da lingua estándar son toupa e toupo, pero existen numerosas variantes dialectais: teipa, teipe, teupa, tiopa, tiopo, topia e toupeira.
Tamén existen numerosas denominacións para as moreíñas de terra que forma na superficie da terra: toupeira (a máis común), teipeira, teipoeira, teipueira, teupoeira, tiopeira, tiupeira, topieira, toupeiro, toupiñeira ou tupieira.
A pesar da aparente torpeza deste animal, matar unha toupa resulta extremadamente difícil porque perciben as vibracións das nosas pisadas no chan. Por iso crese que a persoa que é quen de matar unha coa man adquire poderes máxicos (ou ben é que xa os tiña, e por iso puido facer tal cousa). Así, os médicos-etnógrafos Jesús Rodríguez López e Víctor Lis Quibén recolleron a crenza de que esa persoa será capaz de cura-la dor de moas con só toca-la cara coa man; ou que pode cura-los cólicos fregando no ventre coa man. Contan que unha curandeira de Cualedro (Ourense) tiña a virtude de bendici-los coxos (ou herpes), que adquiriu matando tres toupas de tres puñadas.
Tamén recolleu Lis Quibén a crenza de que, para cura-lo fogo ardente ou fogo de san Antón [3], en Agolada (Pontevedra) recollían terra de nove toupeiras e mesturábana cun pouco de unto de porco branco, obtendo unha pasta coa que facían cruces na cara do enfermo á vez que recitaban certos ensalmos.
Conocí á un niño que padecia ese fuego, en la parte anterior de un muslo, llegando ya á echar aguadilla ó serosidad. Acuérdome que sus padres le mandaron á una vieja ensalmadora, quien pedia al paciente llevase tierra fresca de nove toupeiras, y me parece, un poco de unto. El muchacho mismo me dijo que le untaba por lo ménos con la tierra y que hacia cruces ó bendiciones sobre la llaga, pronunciando palabras que no entendia, y otros pormenores que no me acuerdo, pero renovaré si tuviere ocasion de preguntarlo. Lo que sé es que la escoriacion desapareció sin que se reprodujese, que yo sepa. Yo atribuyo esta cura cierta á la virtud de la tierra, prescindiendo de todo lo demás que no era más que un modus vivendi (Francisco Javier Rodríguez)
O feito de teren os ollos atrofiados deu lugar na lingua común a numerosas expresións. Tamén foron fonte metafórica os seus hábitos subterráneos:
O lugar da Toupeira (San Pedro de Cea, Vilagarcía de Arousa) ten o seu topónimo relacionado con este animal.
A toupa ibérica (Talpa occidentalis) é unha especie de mamífero soricomorfo da familia Talpidae endémica do oeste e centro da Península Ibérica que vive comendo vermes e miñocas baixo terra. A toupeira adóitase atopar en praderías, cultivos regados e terreos de bo solo orgánico. Tamén habita bosques de chopos, freixos e olmos.