A dos vombátidos (Vombatidae) é unha familia de mamíferos marsupiais da orde dos diprotodontes e suborde dos vombatiformes,[1] coñecidos como uombats (ou wombats, na bibliografía internacional).
Na actualidade sobreviven tres especies destes animais que viven nos bosques das montañas de Australia (incluída Tasmania), onde escavan grandes tobos: o uombat común, ou uombat propiamente dito, o único do xénero Vombatus, o uombat de fociño peludo do norte e o uombat de fociño peludo do sur, ambos os dous pertencentes ao xénero Lasiorhinus.
Os uombats teñen a aparencia dun pequeno oso musculado coas patas moi curtas.
A coloración da súa pel pode ser beixe, parda, negra ou gris. As tres especies que siguen con vida miden até 1,20 m de longo e 70 cm de alto, e pesan entre os 20 e os 35 kg.
Como todos os marsupiais, teñen unha bolsa ventral, que contén un só par de mamas. Este marsupio ten tamén a vantaxe, para un escavador de tobos, de que se pode pechar para que a terra non entre nel.
Ademais teñen un escudo, unha placa ósea nas nádegas, debaixo da pel; cando un depredador os persegue, pechan a entrada do seu tobo con este escudo posterior.
A fórmula dentaria dos vombátidos é 1.0.1.4 / 1.0.1.4.
Os uombats son fitófagos, alimentándose de herbas, raíces, fungos e cascas de árbore e arbustos. Os seus dentes incisivos (similares aos dos roedores), son de crecemento continuo, a diferenza doutros marsupiais.
Teñen un metabolismo extraordinariamente lento: tardan ao redor de 14 días en completar a dixestión, o que os axuda a vivir nos seus ambientes áridos.[2]
Ademais, non adoitan moverse con rapidez; porén, son animais raudos e áxiles que, en caso necesario, poden facilmente superar a un home en carreira (poden alcanzar até os 40 km/h e manteren esa velocidade durante 90 segundos).[3] Aínda que son animais principalmente crepusculares e nocturnos, aventúranse tamén a buscar alimento durante o día, cando vai frío ou o día e moi nuboso.
O período de xestación adoita durar uns 20 ou 21 días. Despois do parto, as crías viven no ben desenvolvido marsupio seis ou sete meses; aos 15 meses de idade son destetados. Alcanzan a idade reprodutiva aos 18 meses.[4][5]
Os uombats escavan extensos tobos cos seus dentes incisivos e as súas poderosas garras.
Ocupan territorios ao redor dos seus tobos, que defenden contra os intrusos. No uombat común, este territorio pode cubrir até 23 hectáreas, mentres que os dos das dúas especies de uombats de fociño peludo só abarcan 4 hectáreas.[2]
A súa principal defensa contra un depredador baixo terra é esmagalo contra o teito do túnel até que o invasor deixa de respirar.
Non se deixan ver tan facilmente como outros animais, pero si adoitan deixaren pegadas visíbeis do seu paso, como as súas típicas bostas cúbicas.
A familia foi descrita en 1829 polo botánico e zoólogo británico Gilbert Thomas Burnett no seu traballo publicado en Quart. J. Lit. Sci. Art., 1829: 351.[1]
O termo Vombatidae está formado pola raíz do nome do xénero tipo, Vombatus e o segundo elemento do latín científico -ĭdae, propio dos nomes das familias de animais. Literalmente: 'os parecuidos ao uombat'.
Pola súa parte, o Vombatus deriva do termo inglés wombat, que provén da lingua eora falada pola comunidade aborixe que vivía na rexión de Sydney.[6]
Familia Vombatidae Burnett, 1829
A dos vombátidos (Vombatidae) é unha familia de mamíferos marsupiais da orde dos diprotodontes e suborde dos vombatiformes, coñecidos como uombats (ou wombats, na bibliografía internacional).
Na actualidade sobreviven tres especies destes animais que viven nos bosques das montañas de Australia (incluída Tasmania), onde escavan grandes tobos: o uombat común, ou uombat propiamente dito, o único do xénero Vombatus, o uombat de fociño peludo do norte e o uombat de fociño peludo do sur, ambos os dous pertencentes ao xénero Lasiorhinus.