dcsimg

Réptiles ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

Os réptiles son os animais pertencentes á clase Reptilia, grupo de vertebrados amniotas e tetrápodos que teñen escamas ou diversas estruturas córneas na pel. Trátase dun grupo de animais que comprende non só tódolos réptiles que existen hoxe no mundo senón que inclúe ademais algúns outros grupos que foron moi abondosos no pasado e que logo desapareceron durante o proceso evolutivo como son, por exemplo, os dinosauros.

Réptil significa "que repta", é dicir que anda arrastrándose. Esta non é unha característica universal deste grupo de animais xa que algúns non se arrastran senón que, por exemplo, teñen patas para o seu desprazamento (exemplo: os lagartos e as tartarugas).

A parte da zooloxía que trata dos réptiles leva o nome de herpetoloxía, na que tamén se inclúe o estudo dos anfibios.

Principais características

As principais características que posúen case todos os réptiles son, entre outras, as seguintes:

  • Son animais poiquilotermos, é dicir, a súa temperatura corporal no é constante, senón que varía co ambiente.
  • Teñen a pel dura recuberta de escamas ou estruturas epidérmicas de tipo córneo e os ovos son case impermeables, o cal lles permite morar en hábitats moi secos como os desertos.
  • Posúen unha circulación dobre e incompleta, con dúas aurículas e un ventrículo, cun tabique central ou septo que non chega a separar o ventrículo en dúas cavidadades.
  • A respiración é de tipo pulmonar.
  • Case todos os réptiles son ovíparos (poñedores de ovos), aínda que certos grupos pequenos son vivíparos ou ovovivíparos.
  • Son todos amniotas (animais que teñen os embrións rodeados por unha membrana aminiótica).
  • Moitos posúen unhas extremidades de tipo quiridio, aínda que algúns grupos importantes carecen delas, como os ofidios que reptan como mecanismo de locomoción.

Morfoloxía

Os réptiles presentan unha enorme variedade morfolóxica, probablemente debido á antigüidade deste grupo de seres vivos o que fai que atopemos animais de moi pequeno tamaño, como as lagartas, xunto con outros xigantescos, como os dinosauros. De formas alongadas como os crocodilos ou as serpes, a outros metidos nunha casca como os sapoconchos, duns parecidos aos peixes, como o ictiosauro, a outros precursores das aves, como o archeopterix.

En xeral, os réptiles de hoxe presentan: cranio articulado coa primera vértebra por medio dun cóndilo occipital sinxelo ou trilobulado nalgúns casos, e todas as vértebras con costelas; dentes sinxelos e cónicos e non implantados en alvéolos, agás nos crocodilos. Algúns grupos non posúen dentes, como os sapoconchos, e non seu lugar posúen peteiros córneos.

A respiración faise exclusivamente por pulmóns xa que, a diferenza dos anfibios, non posúen branquias en ningunha fase de seu desenvolvemento.

A fecundación sempre é interna e, con excepción do xénero Sphenodon, emprega órganos copulatorios especiais. Os ovos posúen en xeral un gran tamaño e neles aparecen dúas membranas protectoras que levan o nome de amnio e alantoide, o cal amosa un sinal de adaptación destes seres á vida terrestre.

Anatomía e fisioloxía

Sistema circulatorio

 src=
Esquema do sistema circulatorio dun réptil

O aparello circulatorio dos réptiles e máis complexo que o dos anfibios, xa que ten dúas aurículas e poderíamos dicir un ou dous ventrículos, que en conxunto levan os nomes de corazón tricameral ou tetracameral respectivamente. En realidade, o corazón de 3 cámaras ten un septo central que non divide completamente os ventrículos, co que se produce unha mestura parcial do sangue arterial e venoso, debido á dinámica de fluídos. Esta disposición preséntase na meirande parte dos réptiles a excepción do caso dos crocodilos nos que si está completo e polo tanto o corazón é tetracameral.

Estes ventrículos parcialmente divididos supoñen que nestes animais se produce unha mestura parcial do sangue arterial e venoso. Ademais, o fluxo sanguíneo pode alterarse para enviar sangue desosixenado aos pulmóns, cousa que dá a estes animais un control sobre o seu fluxo sanguineo e permite unha termorregulación máis efectiva do tempo de inmersión para as especies acuáticas. Os crocodilos son unha excepcion xa que teñen un corazón tetracameral moi complexo que pode converterse en tricameral sendo plenamente funciónal durante as inmersións.

A circulación é dobre e incompleta e transcorre no corpo do seguinte modo:

  • Do ventrículo dereito o sangue vai aos pulmóns, de onde regresa osixenado á aurícula esquerda.
  • De alí pasa ao ventrículo esquerdo e sae fóra do corazón polos arcos aórticos, que o distribúen por todo o corpo.
  • O sangue viaxa a todas as células do corpo e volve polos tecidos á aurícula dereita.

Sistema nervioso

O sistema nervioso posúe as mesmas partes básicas que xa existían no cerebro dos anfibios, aínda que o cerebro e cerebelo dos réptiles é lixeramente máis grande e longo. Do cranio saen 12 pares de nervios craniais.

Ente os órganos dos sentidos destaca a presenza dos lóbulos olfactorios que se atopan moi desenvolvidos e que se poden relacionar co sentido do olfacto. O conxunto dos réptiles ten avanzado moito respecto doutros grupos na percepción da profundidade visual.

Sistema respiratorio

A evolución levou a endurecer o exterior destes animais con escamas e estruturas córneas, o cal tivo como consecuencia a impermeabilización da pel e a perda da respiración cutánea para ter só unha respiracion pulmonar. A única excepción son as tartarugas acuáticas que teñen desenvolvida unha pel máis permeable na rexión anal.

Para vivir só coa respiración pulmonar, os pulmóns fixéronse maiores que os dos anfibios, e así aumentar a superficie de intercambio gaseoso, e o aire penetra polas fosas nasais.

Aparato reprodutor

Na inmensa maioría a reprodución é sexual e os sexos están separados (dioicos). A fecundación é interna. Os machos presentan na súa cloaca un órgano copulador bífido co que introducen o esperma no interior da femia.

A maioría son ovíparos e poñen ovos que se desenvolven fóra do corpo. Outros son ovovivíparos, nos que o embrión se desenvolve dentro do corpo da femia, pero a expensas do vitelo do ovo. Excepcionalmente existen algúns casos de viviparísmo (exemplo: algunhas especies de víboras). Non existen fases larvarias.

A reproducion asexual por partenoxénese foi identificada no orden dos Squamata, en seis familias de lagartos e unha de serpes.

Clasificación

 src=
Os réptiles son un grupo parafilético. O grupo podería ser monofilético se incluímos as aves.

Taxonomía

 src=
Fósil dun archaeopteryx

A taxonomía cladística, que agrupa aos seres vivos segundo as súas relacións filoxenéticas, ordena o grupo dos Reptilia nas seguites categorías:

Filoxenia

 Sauropsida |--Anapsida | |--Mesosauridae (Extinto) | `--Parareptilia | |--Millerettidae (Extinto) | |--Bolosauridae (Extinto) | `--Procolophonomorpha | |--Procolophonia | | |--Procolophonidae (Extinto) | | `--Pareiasauridae (Extinto) | `?-Testudines (Tartarugas) `--Eureptilia |--Captorhinidae (Extinto) `--Romeriida |--Protorothyrididae (Extinto) `--Diapsida |--Araeoscelidia (Extinto) |--Avicephala (Extinto) `--Neodiapsida |?-Younginiformes (Extinto) `--+--Lepidosauromorpha | |?-Euryapsida | | |?-Sauropterygia (Extinto) | | `?-Ichthyopterygia (Extinto) | `--Lepidosauriformes | `--Lepidosauria | |--Sphenodontida (incluíndo tuataras) | `--Squamata (including Lagartos, Mosasaurios e serpes) `--Archosauromorpha |?-Choristodera (Extinto) |--Trilophosauridae (Extinto) |--Rhynchosauridae (Extinto) |--Prolacertiformes (Extinto) `--Archosauriformes |--Proterosuchidae (Extinto) |?-Erythrosuchidae (Extinto) |--Euparkeriidae (Extinto) `--+--Proterochampsidae `--Archosauria |--Crurotarsi (incluíndo os Crocodilos) `--Ornithodira |--Pterosauromorpha (Extinto) `--Dinosauromorpha (incluíndo Dinosauros, que inclúen as Aves) 

As aves están incluídas dentro da categoría Reptilia porque proveñen evolutivamente dun grupo de réptiles, como testemuñan os fósiles atopados de dinusaurios con adaptacions para o voo. Na imaxe da esquerda podemos ver os restos do fósil Archaeopteryx, un antigo dinosauro que tiña unhas formacións epidérmicas que semellan plumas e un corpo disposto para o voo e que podería considerarse o fósil de aves máis antigo. En realidade poderíase dicir que se atopa na encrucillada entre os dinosauros e as aves, e que dalgún xeito explica como este grupo de réptiles conseguiu as adaptacións ao voo que hoxe posúen os paxaros. Na actualidade só se teñen atopado uns 10 destes fósiles, non todos en moi bo estado, pero coa información suficiente para clarexar en certa medida como aconteceu este salto evolutivo.

Galería de imaxes

Véxase tamén

En castelán

En inglés

En portugués

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Réptiles: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

Os réptiles son os animais pertencentes á clase Reptilia, grupo de vertebrados amniotas e tetrápodos que teñen escamas ou diversas estruturas córneas na pel. Trátase dun grupo de animais que comprende non só tódolos réptiles que existen hoxe no mundo senón que inclúe ademais algúns outros grupos que foron moi abondosos no pasado e que logo desapareceron durante o proceso evolutivo como son, por exemplo, os dinosauros.

Réptil significa "que repta", é dicir que anda arrastrándose. Esta non é unha característica universal deste grupo de animais xa que algúns non se arrastran senón que, por exemplo, teñen patas para o seu desprazamento (exemplo: os lagartos e as tartarugas).

A parte da zooloxía que trata dos réptiles leva o nome de herpetoloxía, na que tamén se inclúe o estudo dos anfibios.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician