O ollodourado islandés[2] ou parrulo islándico[3] (Bucephala islandica) é un pato mariño de mediano tamaño do xénero Bucephala, os ollodourados. O seu nome científico significa 'cabeza de touro de Islandia' (do grego bous e kephale), debido á forma bulbosa da súa cabeza.[4]
Os adultos son de aparencia similar aos ollodourados (Bucephala clangula). Como media, os machos adultos miden 48,8 cm de longo e pesan 1,0 kg; as femias son normalmente de 43,2 cm e pesan 0,6 kg.[5] Os machos adultos teñen unha cabeza escura cun brillo púrpura e unha mancha branca con forma de crecente na pate frontal da cara. As femias adultas teñen un peteiro principalmente amarelo. O macho do ollodourado islandés difire do macho de B. clangula en que este último ten unha mancha redonda branca na cara, é menos negro no dorso do animal, ten un brillo verdoso, e un peteiro máis longo. As femias de B. clangula son de cabeza máis arredondada e teñen un peteiro no que só a puna é amarela.[6]
O ollodourado islandés é unh ave relativamente silenciosa que xeralmente só fai vocalizacións durante a tempada de apareamento e cortexo. Entre estas están píos de baixo volume, gruñidos e grallidos. Durante o voo, o rápido movemento das ás da ave crea un son parecido a un asubío baixo.[7]
O seu hábitat de apareamento consiste en lagos e lagoas con bosque principamente no noroeste de Norteamérica, pero tamén en puntos espallados do leste de Canadá e Islandia. As femias regresan aos mesmos sitios de apareamento ano tras ano e tamén tenden a usar os mesmos sitios de nidación. Os machos permanecen coa súa parella durante todo o inverno e defenden o territorio durante a estación de apareamento, e despois marchan ao seu sitio de muda. As parellas a miúdo mantéñense mesmo se macho e femia están separados durante longos períodos de tempo no veran durante o tempo da muda. A parella reúnese despois nas áreas de invernada.[8]
En Islandia a ave coñécese co nome de húsönd (pato da casa), e é unha especie común no lago Mývatn no norte da illa.
Son aves migratorias e viaxan para pasar a maior parte do inverno en augas costeiras protexidas ou augas abertas do interior. O ollodourado islandés, xunto con outras moitas especies de patos mariños, depende de estuarios costeiros urbanizados, que son importantes lugares nos seus padróns migratorios. Estes estuarios proporcionan un excelente lugar de invernada e puntos de parada durante a migración da ave.[9] É unha ave errante extremadamente rara no oeste de Europa (e pode verse en Galicia, onde é unha ave rara accidental) e no sur de Norteamérica.[10]
Son aves que se mergullan e se alimentan baixo a auga. Comen insectos acuáticos, crustáceos e vexetación. Os seus principais alimentos son os crustáceos mariños Gammarus oceanicus e Calliopus laeviusculus. Unha gran parte da súa dieta consiste en mexillóns e gasterópodos.[11]
O ollodourado islandés é considerada unha especie arbórea porque fan moitos dos seus niños en cavidades que encontran en árbores vellas. Tamén nidifican en toqueiras ou sitios protexidos no chan.[12] Non adoitan compartir o hábitat co moito máis numeroso B. clangula. O ollodourado islandés adoita ser territorial cara a outras aves que se aventuren nos seus dominios, especialmente se son patos machos. As confrontacións poden orixinar liortas. Os machos fan unha exhibición territorial ao longo dos límites do seu territorio, tanto en terra coma na auga. Estas exhibicións territoriais duran uns 6 minutos e adoitn causar que outros machos realicen tamén a súa propia exhibición.[13]
Sábese moi pouco sobre os sitios e padróns de reprodución do ollodourado islandés. Despois da estación de apareamento, as aves migran a sitios de muda específicos para realizar a muda das plumas, que fai que non poidan voar durante un período de entre 20 e 40 días. Estes sitios de muda adoitan ser zonas húmidas que son máis resistentes á seca e teñen abundante comida, e sofren menos influencia humana e dos predadores.[14]
O ollodourado islandés ou parrulo islándico (Bucephala islandica) é un pato mariño de mediano tamaño do xénero Bucephala, os ollodourados. O seu nome científico significa 'cabeza de touro de Islandia' (do grego bous e kephale), debido á forma bulbosa da súa cabeza.