dcsimg

Galiñola negra cristada ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

A galiñola negra cristada[2] ou galiñola cristada[3] (Fulica cristata) é unha especie de ave gruiforme da familia Rallidae que habita en África e a península Ibérica. En Galicia é unha ave accidental.[2]

Descrición

 src=
Detalle da cabeza.

A galiñola negra cristada mide entre 38 e 45 cm de longo, ten unha envergadura alar de 75 a 85 cm e pesa entre 585 e 1085 g.[4][5] A plumaxe dos adultos é totalmente negra, en contraste co branco do seu escudo frontal e o bico cor celeste. Diferénciase da galiñola negra común por presentar dúas protuberancias vermellas na parte superior do escudo, ser lixeiramente meirande e ter o pescozo máis longo. As patas son cincentas e teñen dedas lobuladas longas que lle permiten nadar. O iris dos ollos é vemello.

Os polos que acaban de facer eclosión están cubertos de penuxe cincento agás na gorxa e meixelas, que son amarelas e teñen o bico avermellado. Ao creceren adquiren un ton cincento uniforme. Os xuvenís son pardos cincentos, coa gorxa e a parte dianteira do pescozo claras, e carecen do escudo frontal. Adquiren a plumaxe adulta aos 3 ou 4 meses, mais non se desenvolve o escudo frontal ata o ano de idade.

 src=
Os xuvenís carecen de escudo frontal e protuberancias coloradas.

Taxonomía e etimoloxía

 src=
Viven tanto en hábitats de auga doce coma salobre.

A galiñola negra cristada, como outras galiñolas, pertence ao xénero Fulica, incluído na familia Rallidae, unha familia de aves acuáticas e semiacuáticas de tamaño medio, aínda que pequenas en comparación co resto de Gruiformes. Os rálidos adoitan ter o percozo relativamente longo, a cola curta, robustas patas con dedas longas e plumaxes discretas en contraste cos seus coloridos bicos e escudos frontais.

A galiñola negra cristada foi descrita cientificamente polo zoólogo alemán Johann Friedrich Gmelin en 1789,[6] co seu nome científico actual, Fulica cristata. Fulica en latín significa simplemente 'galiñola', e cristata significa 'cristada',[7] en referencia ás súas características protuberancias vermellas da cabeza.

Non se recoñecen subespecies diferenciadas.[8]

Distribución e hábitat

É unha ave sedentaria que se distribúe por África austral e oriental, ademais de Marrocos e o sur e leste da península Ibérica, en zonas húmidas con vexetación alta, como os lagos de auga doce, estanques e marismas.

Aínda que antes era moi abondosa en todo o arco mediterráneo ibérico, arestora só se encontra en zonas húmidas de Andalucía e algunhas da Comunidade Valenciana, desde onde se está intentando recuperar a especie noutras zons como o delta do Ebro. Aínda que a nivel global se clasifica como especie pouco preocupante,[1] en España está considerada como especie en perigo de extinción.[9] En Galicia só aparece como ave accidental.[2]

Comportamento

 src=
Adulto coa súa cría.

O comportamento da galiñola negra cristada é practicamente igual ao da galiñola negra común (que é nativa e común en Galicia). É de hábitos menos discretos que a maioría dos demais rálidos. Durante a época de cría é territorial e agresiva e adoita desafiar e atacar a calquera intruso, mesmo a aves de maior tamaño como o ganso de Exipto.[10] Pode ser albiscada nadando en augas abertas e camiñando polas herbeiras próximas ás ribeiras.

 src=
Posta de ovos de galiñola negra cristada.

Ten un voo pesado e adoita ser reticente a voar para curtas distancias. Para fuxir ou atacar na auga adoita correr patuxando pola superficie da auga movendo as ás, mais sen engalar de todo. Mentres nada adoita baixar e subir a cabeza e poede mergularse en curtas distancias meténdose na auga dun salto.

Aínda que a galiñola negra cristada é omnívora, aliméntase principalmente de plantas acuáticas como as especies de Potamogeton.[11] Tamén caza unha gran variedade de pequenos animais, incluídos os ovos e os polos doutras aves acuáticas.

Durante a época de cría é moi ruidosa e as súas chamadas son bastante diferentes das da galiñola negra común. Emite rápidos kerrre similares aos da galiñola pequena, ásperos ka-haa e gruñidos de tipo "uut uut".[12] Constrúe un niño de canas secas e ramas peto da beira da auga ou flotando sobre ela ancorado na vexetación emerxente. Pon arredor de oito ovos no mes de abril,[10] que incuba durante 25 días.

Notas

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Fulica cristata". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 6 de maio de 2015.
  2. 2,0 2,1 2,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  3. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
  4. CRC Handbook of Avian Body Masses by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), ISBN 978-0-8493-4258-5.
  5. [1] (2011).
  6. Zoonomen. "Taxonomía de Gruiformes." (en inglés). Consultado o 6 de maio de 2015.
  7. James A. Jobling. Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Bloomsbury Publishing p. 122 e 158 ISBN 1-4081-2501-3
  8. Frank Gill e David Donsker. Rails, gallinules & cranes. IOC World Bird List versión 5.1.
  9. Ficha da especie no Ministerio de Medio Ambiente de España.
  10. 10,0 10,1 Liversidge, Richard. “The birds around us: Birds of the Southern African region” Pub: Fontein 1991 ISBN 978-1-874851-01-1
  11. MacLean, Gordon L., Roberts, Austin; “Roberts Birds of Southern Africa”. Pub. Hyperion Books 1988. ISBN 978-1-85368-037-3
  12. Brown, Lesley; Trumble, William R.; Stevenson, Angus (2002). Oxford University Press, ed. Shorter Oxford English dictionary on historical principles. Oxford [Oxfordshire]. ISBN 0-19-860575-7.

Véxase tamén

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Galiñola negra cristada: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

A galiñola negra cristada ou galiñola cristada (Fulica cristata) é unha especie de ave gruiforme da familia Rallidae que habita en África e a península Ibérica. En Galicia é unha ave accidental.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician