O mamavirus é un dos virus máis complexos descuberto. Pertence á familia Mimiviridae, á que tamén pertence o mimivirus.[1] Os mimiviridae pertencen ao grupo dos virus de ADN grande nucleocitoplasmáticos (NCLDVs), que comprende aos Poxviridae, Iridoviridae, Asfarviridae, e Phycodnaviridae.[2] O mamavirus é moi grande, supera en tamaño ao tamén xigante mimivirus, e é maior ca moitas bacterias.
Os primeiros informes da existencia do mamavirus son de setembro de 2008. Igual que o mimivirus, o mamavirus foi illado dunha ameba nunha torre de refrixeración. O grande tamaño dos mimiviridae é a razón de que non fosen descubertos ata época tan recente, porque quedaban retidos nos filtros xunto coas bacterias, o que fixo pensar que eran tamén bacterias. O Mimivirus illouse por primeira vez en 1992 cando os científicos estaban a buscar a causa dun estalido de pneumonía en Bradford, Reino Unido. Debido ao seu tamaño, foi denominado “coco de Bradford” e púxose nun conxelador, xa que os científicos pensaban que era unha bacteria.[2] Unha década despois, Claverie e Didier Raoult descubriron que o “coco de Bradford” non era unha bacteria cando trataron de dixerir a súa suposta parede celular sen éxito. Decidiron seguir unha estratexia diferente e examinárono con microscopio electrónico. Sorprendentemente atoparon que o que estaban a ver era similar a un iridovirus xigante, os cales son virus icosaédricos que infectan insectos, peixes e ras, o que fixo que o considerasen un virus, e abriu o camiño para que se descubrisen outros virus xigantes dese tipo como o mamavirus.[3]
O mamavirus foi illado orixinalmente de acantamebas da especie Acanthamoeba polyphaga, pero as investigacións seguintes fixéronse en Acanthamoeba castellanii.[4]
O mamavirus, como os outros mimiviridae, é icosaédrico cunha cápside central e unha capa de fibras periférica. Contén un xenoma de ADN linear de dobre cadea, que ten unha densidade de codificación moi alta, que é característica de todos os NCLDVs. Os mimiviridae conteñen xenomas moi similares debido a duplicacións xénicas, e gran parte do xenoma está asociado con funcións nunca antes atopadas en virus.[1]
Os mamavirus posúen a súa propia maquinaria de transcrición, e empaquetan proteínas para a transcrición dentro das súas partículas. A transcrición crese que ocorre na parte central (core) das partículas. Nesa parte libérase o ADN viral e forma unha factoría de replicación citoplasmática na que comeza a replicación do ADN e ten lugar a transcrición dos xenes tardíos. A factoría de replicación fórmase arredor da parte central (core) do virus e expándese ata que ocupa unha gran fracción do volume celular da ameba hóspede. As últimas fases do ciclo de replicación son o empaquetamento do ADN nas procápsides parcialmente ensambladas.[1]
Os mimiviridae son virus de características sorprendentes, pero os mamavirus contiñan aínda outra sorpresa maior. Raoult, observando ao microscopio electrónico o mamavirus, descubriu un segundo virus pequeno estreitamente asociado co mamavirus, ao que se lle deu o nome de virófago Sputnik, que era un virus satélite.[5] Sputnik contén 21 xenes e é moi pequeno en comparación co mamavirus; porén, ten un poderoso efecto sobre o mamavirus. Sputnik non pode replicarse na célula da acantameba sen que haxa simultaneamente unha infección polo mamavirus (ou polo mimivirus), polo que se aproveita da factoría viral que crea o mamavirus para replicar o seu propio xenoma, polo que se considera un virus satélite.[6] A presenza do Sputnik fai que o mamavirus produza menos virus durante a súa replicación e a miúdo estes están deformados e son menos efectivos; hai tamén evidencias dun engrosamento parcial da cápside. O feito de que o virus Sputnik se comporte así suxire que actúa como un parasito viral, polo que foi denominado virófago, o primeiro virófago encontrado. O termo virófago é similar ao termo bacteriófago aplicado aos virus que infectan bacterias, destruíndoas (pero non todos están de acordo en considerar aos virófagos un novo tipo de virus diferente dos satélites[7]). Sputnik contén ADN circular de dobre cadea con 18.343 pares de bases, e ten forma icosaédrica.[8] Dos seus 21 xenes, 8 codifican proteínas ás que se lle encontraron homólogos noutros virus. Desas oito, hai tres que se cre derivan de mamavirus ou mimivirus.[9] Isto indica que Sputnik pode participar en procesos de transferencia horizontal de xenes e mediar esa transferencia entre os virus xigantes.[10]
O mamavirus e o mimivirus fixeron que algúns científicos revisen os criterios que definen a vida, e empecen a cuestionarse se os virus son seres vivos, reavivando o debate sobre a orixe dos virus de ADN e o seu posible papel na emerxencia do núcleo eucariótico na evolución.[5]
O mamavirus é un dos virus máis complexos descuberto. Pertence á familia Mimiviridae, á que tamén pertence o mimivirus. Os mimiviridae pertencen ao grupo dos virus de ADN grande nucleocitoplasmáticos (NCLDVs), que comprende aos Poxviridae, Iridoviridae, Asfarviridae, e Phycodnaviridae. O mamavirus é moi grande, supera en tamaño ao tamén xigante mimivirus, e é maior ca moitas bacterias.