Entamoeba é un xénero de microorganismos ameboides do grupo dos Amoebozoa, que son comensais ou parasitos internos de animais.
En 1875, Fedor Lösch describiu o primeiro caso probado de disentería amebiana en San Petersburgo, Rusia. Denominou á ameba que observaba microscopicamente como "Amoeba coli"; pero non está claro se estaba usando o termo como un nome descritivo ou como un nome taxonómico formal.[1] O xénero Entamoeba foi definido por Casagrandi e Barbagallo para a especie Entamoeba coli, que é un organismo comensal.[2] O organismo de Lösch foi renomeado como Entamoeba histolytica por Fritz Schaudinn en 1903 (que morreu en 1906 por unha infección autoinoculada cando estudaba esta ameba). Durante un tempo na primeira metade do século XX todo o xénero Entamoeba foi transferido a Endamoeba, un xénero de amebas que infectan invertebrados e do que se sabe pouco. Pero este cambio foi revertido pola Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica (ICZN) ao final da década de 1950, e o xénero Entamoeba permaneceu estable desde entón.
Nos humanos encóntranse varias especies. Entamoeba histolytica é o patóxeno responsable da "amebíase" (que inclúe a disentería amebiana e abscesos amebianos no fígado), e outros como Entamoeba coli (non confundir con Escherichia coli cando se abrevian como E. coli) e Entamoeba dispar [3] son inofensivos. Coa excepción de Entamoeba gingivalis, que vive na boca, e E. moshkovskii, que se illa con frecuencia en sedimentos de ríos e lagos, todas as especies de Entamoeba se encontran nos intestinos dos animais aos que infectan. Entamoeba invadens é unha especie que pode causar unha enfermidade similar á causada por E. histolytica pero en réptiles. A diferenza doutras especies, E. invadens forma quistes in vitro en ausencia de bacterias e utilízase como un sistema modelo para estudar este aspecto do seu ciclo de vida. Describíronse moitas outras especies de Entamoeba e é probable que queden aínda moitas por descubrir.
As células de Entamoeba son pequenas, cun só núcleo e tipicamente un só pseudópodo loboso que parece un vulto anterior. Teñen un ciclo de vida simple. O trofozoíto (forma que se alimenta e divide) é de aproximadamente 10-20 μm de diámetro e aliméntase principalmente de bacterias. Divídese por fisión binaria para formar dúas células fillas máis pequenas. Case todas as especies forman quistes, que é o estadio implicado na transmisión aos hóspedes (a excepción nisto é E. gingivalis). Dependendo das especies, os quistes poden ter un, catro ou oito núcleos e son de tamaño variable; o cal é unha característica importante para a identificación das especies.
Entamoeba pertence ás Archamoebae, as cales, como moitos outros eucariotas anaeróbicos, carecen de mitocondrias. Este grupo tamén inclúe a Endolimax e Iodamoeba, que tamén viven nos intestinos animais e son similares en aparencia a Entamoeba, pero isto é debido en parte por converxencia evolutiva. Tamén neste grupo hai formas de vida libre amebo-flaxeladas do xénero Mastigamoeba e xéneros relacionados.[4] Algúns outros xéneros de amebas simbióticas, como Endamoeba, podería acabar probándose que son sinónimos de Entamoeba, pero isto aínda non está claro.
David Biron do Weizmann Institute of Science e os seus colegas, estudando Entamoeba invadens, encontraron que aproximadamente un terzo das células podían separarse sen axuda e recrutar amebas veciñas (denominadas as "comadroas" ou "parteiras") para completar a fisión.[5] Biron escribiu o seguinte:
Tamén se informou dun comportamento similar en Dictyostelium.[6]
Como E. histolytica non forma quistes en ausencia de bacterias, E.invadens é a especie que se usa como modelo para os estudos do enquistamento, xa que forman quistes en condicións axénicas (sen estar xunto a outros microorganismos), o que simplifica as análises. Despois de inducir o enquistamento en E.invadens, increméntase inicialmente a replicación do ADN e despois faise máis lenta. Cando remata o enquistamento, formáronse quistes predominantemente tetranucleados xunto con algúns uni, bi e trinucleados.[7]
Entamoeba é un xénero de microorganismos ameboides do grupo dos Amoebozoa, que son comensais ou parasitos internos de animais.
En 1875, Fedor Lösch describiu o primeiro caso probado de disentería amebiana en San Petersburgo, Rusia. Denominou á ameba que observaba microscopicamente como "Amoeba coli"; pero non está claro se estaba usando o termo como un nome descritivo ou como un nome taxonómico formal. O xénero Entamoeba foi definido por Casagrandi e Barbagallo para a especie Entamoeba coli, que é un organismo comensal. O organismo de Lösch foi renomeado como Entamoeba histolytica por Fritz Schaudinn en 1903 (que morreu en 1906 por unha infección autoinoculada cando estudaba esta ameba). Durante un tempo na primeira metade do século XX todo o xénero Entamoeba foi transferido a Endamoeba, un xénero de amebas que infectan invertebrados e do que se sabe pouco. Pero este cambio foi revertido pola Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica (ICZN) ao final da década de 1950, e o xénero Entamoeba permaneceu estable desde entón.