A cobra de ferradura[1][2] (Hemorrhois hippocrepis, antes Coluber hippocrepis) é unha especie de cobra da familia Colubridae.
Estas serpes teñen formas estilizadas, a cabeza bicuda, bastante diferenciada do tronco e un rabo longo e delgado. Trátase dunha serpe moi veloz e áxil, que pode subir con gran facilidade aos arbustos, árbores e rochas na procura de presas ou niños de aves. Esta cobra pode medir como media un metro, pero pode chegar a 156 cm en casos extremos. Ten unha cor amarela de fondo pouco evidente, xa que tanto a cabeza como o dorso posúen manchas negras que, en conxunto, lle dan ao réptil un ton escuro case negro. O ventre é amarelo, laranxa ou vermello. Pupila redonda. Na parte posterior da cabeza, unha destas manchas ten, con frecuencia, a forma dunha ferradura (forma de U ou V invertidos) que rodea a caluga.[3] A esta característica debe o seu nome en moitos idiomas.
Vive na península Ibérica, menos nas zonas máis ao norte e no noroeste de África. En Galicia é rara (ver Lista de réptiles de Galicia). Na península Ibérica distribúese esencialmente na metade meridional, sen superar normalmente o norte do Sistema Central; polo oeste téñense detectado en partes do Macizo Galaico e pola zona este chega ata Cataluña. Máis ao sur vive no noroeste de África de Marrocos a Libia e pode baixar polo sur na estepa subdesértica subsahariana. Tamén hai poboacións nas illas de Sardeña e Pantelleria.
Habita nos bosques secos ou en zonas pedregosas cubertas de mato. A súa principal ameaza é a perda do seu hábitat, pero a IUCN dálle o status de "pouco preocupante".[4]
Esta serpe é activa polo día, e a súa alimentación é moi variada. Adoitan comer lagartas, outras serpes (incluso da súa mesma especie), pequenos mamíferos como ratos ou musarañas e aves. Esta cobra é belicosa e moi agresiva. Poden responder a calquera ataque, mesmo se a especie que a ataca é o dobre de grande. Ademais, se algunha outra especie trata de cazala, revólvese e utiliza a cola como látego ou morde.
A cobra de ferradura (Hemorrhois hippocrepis, antes Coluber hippocrepis) é unha especie de cobra da familia Colubridae.