Phalacrocorax neglectus é unha especie de corvo mariño de mediano tamaño que é endémico de Namibia e do litoral occidental de Suráfrica. Vive nas costas e raramente foi atopado a máis de 15 km mar adentro.
É unha ave de corpo pesado, duns 75 cm de lonxitude. Xeralmente é negra cun brillo broncíneo, aínda que as ás son marróns escuras. Os adultos teñen unha pequena crista na cabeza, e na época reprodutora teñen algunhas plumas brancas na cabeza e parte posterior do dorso, que despois perden.[1] Unha característica de diagnóstico nos adultos é teren ollos claros na cara totalmente negra, mentres que os inmaturos teñen ollos escuros.[2] Carecen da mancha gular laranxa doutras especies da súa zona como Phalacrocorax capensis.
Come principalmente peixes, pero tamén un dos seus alimentos principais son as lagostas Jasus lalandii, e a súa área de alimentación coincide coas áreas de kelpo onde viven estas lagostas, aínda que tamén comen outros crustáceos e cefalópodos. Entre os peixes que depreda salienta o gobio peláxico Sufflogobius bibarbatus.
As aves poden reproducirse en calquera momento do ano, e poñen dous ou tres ovos brancos nun niño construído con algas con paus e plumas. Viven en colonias, pero aliméntanse soas ou en pequenos grupos.
A ave é considerada "en perigo" pola IUCN. As poboacións destas aves declinaron abruptamente nas últimas décadas, parcialmente debido á pesca comercial do peixe Sufflogobius bibarbatus do que se alimenta, e en parte polo incremento das molestias humanas, e tamén polo aumento das gaivotas Larus dominicanus, que son depredadoras activas dos ovos e pitos deste corvo mariño, como tamén o son os Pelecanus onocrotalus. Tamén foron afectados por verteduras de petróleo ou capturadas en aparellos de pesca. A poboación mundial é agora probablemente dunhas 2.800 parellas reprodutoras en 2006. As poboacións máis importantes encóntranse nas illas Mercury e Ichaboe de Namibia.
Phalacrocorax neglectus é unha especie de corvo mariño de mediano tamaño que é endémico de Namibia e do litoral occidental de Suráfrica. Vive nas costas e raramente foi atopado a máis de 15 km mar adentro.