Xenopus tropicalis é unha especie de anfibio da familia Pipidae.[2] É a única especie do xénero Xenopus que ten un xenoma diploide.[3][4] O seu xenoma foi secuenciado,[5][6] o que o converteu nun importante organismo modelo para estudos xenéticos, que complementa os xa feitos na especie emparentada Xenopus laevis,[7] tradicionalmente moi utilizada como organismo modelo vertebrado en bioloxía do desenvolvemento. X. tropicalis ten tamén varias vantaxes sobre X. laevis para a investigación, como un tempo de xeración moito máis curto (<5 meses), un menor tamaño (ten unha lonxitude de 4 a 6 cm), e pon un maior número de ovos durante o desove.[8]
É unha especie acuática que se encontra nas selvas de África occidental desde Senegal a Camerún e polo leste ata a República Democrática do Congo. Considérase xeralmente unha especie que habita bosques húmidos e vive en correntes de auga lentas, pero tamén se atopa en lagoas e pozas temporais nas sabanas do norte de Guinea e Sudán.[9]
É unha especie de medio tamaño cun corpo aplanado e unha lonxitude do extremo da cabeza á cloaca de 28 a 55 mm, e as femias son meirandes que os machos. Os ollos sobresaen bastante do corpo e están situados no alto da cabeza e teñen un curto tentáculo xusto detrás de cada ollo. Presentan unha ringleira de tubérculos dérmicos non pigmentados que discorren ao longo dos flancos desde detrás dos ollos, e que se cre representan o órgano da liña lateral. As patas son curtas e gordechas, e os seus pés traseiros presentan membrana interdixital completa e teñen uñas córneas. A pel é finalmente granular. A superficie dorsal varía de marrón escura a clara e ten pequenas manchas grises e negras. A superficie ventral é branca clara ou amarelada con algunhas manchiñas escuras.[9]
Encóntrase en África tropical occidental en Benín, Burkina Faso, Camerún, Costa do Marfil, Guinea Ecuatorial, Gambia, Ghana, Guinea, Guinea-Bissau, Liberia, Nixeria, Senegal, Serra Leoa, Togo, e posiblemente Mali. Hai tamén informes da súa presenza en Angola e Sudán. En xeral, nas zonas ao leste considérase que é substituído pola especie Xenopus epitropicalis. Os seus hábitats naturais son os bosques de terras baixas húmidos tropicais e subtropicais, sabanas húmidas, ríos permanentes ou intermitentes, pantanos, lagos de auga doce permanentes ou intermitentes, zonas húmidas de auga doce permanentes ou intermitentes, xardíns rurais, bosques moi degradados, áreas de almacenamento de auga, lagoas, estanques de acuicultura, e canais e regos.
Na estación seca este anfibio vive en regatos pouco profundos e agóchase baixo as raíces das árbores, baixo pedras planas, ou en buratos na ribeira dos ríos. Aliméntase principalmente de miñocas de terra, larvas de insectos e cágados. Cando empeza a estación chuviosa migra a través do chan do bosque pola noite para atopar algunha lagoa temporal. O desove pode ter lugar en grandes lagoas con moita vexetación, pero os cágados poden atoparse tamén ás veces en lagoas lamacentas sen vexetación. Cada ovo pode ser adherido a plantas ou pode flotar. Os cágados teñen bocas moi grandes sen mandíbulas (son filtradores), pero con longos tentáculos no beizo superior. As aletas ventrais das colas son máis amplas do que as dorsais. A cor do seu corpo é xeralmente laranxa e a cola é transparente pero nos hábitats máis escuros pode ser dun ton tirando a negro. Os cágados aliméntanse por filtración do zooplancto da auga. En corpos de auga grandes, poden formar densos grupos. A metamorfose ten lugar cando os cágados miden arredor de 5 cm de lonxitude.[9]
Nas listas da IUCN está especie ten un status de "Pouco preocupante", porque ten unha ampla distribución, é moi adaptable e pode vivir nunha gama ampla de hábitats, e as súas poboacións son estables.[1]
Os embrións e ovos de Xenopus son un sistema moi utilizdo para facer estudos de investigación biomédica,[3][10] porque son moi manexables nos experimentos e ten unha maior relación evolutiva cos humanos que outras especies modelo.[10]
A diferenza da súa especie relacionada X. laevis, que é tetraploide, X. tropicalis é diploide e ten un curto tempo de xeración, o que facilita os estudos.[3] The complete genome of X. tropicalis has been sequenced [5]
Xenbase é a base de datos de organismo modelo tanto para Xenopus laevis coma para Xenopus tropicalis.[11]
Xenopus tropicalis é unha especie de anfibio da familia Pipidae. É a única especie do xénero Xenopus que ten un xenoma diploide. O seu xenoma foi secuenciado, o que o converteu nun importante organismo modelo para estudos xenéticos, que complementa os xa feitos na especie emparentada Xenopus laevis, tradicionalmente moi utilizada como organismo modelo vertebrado en bioloxía do desenvolvemento. X. tropicalis ten tamén varias vantaxes sobre X. laevis para a investigación, como un tempo de xeración moito máis curto (