A cornicha ou ameixa branca (Spisula solida, Linnaeus 1758; antes Mactra solida) é un molusco bivalvo mariño pertencente á familia dos Máctridos (Mactridae), da orde Veneroida.
Ten a cuncha sólida, forte, de ata 4,5–5 cm de lonxitude, equivalva, de perfil máis ou menos triangular e umbo contral. A cor é branca sucia, co periostraco [1] marrón, con tres curvas de crecemento concéntricas ben patentes, dunha cor máis escura, e múltiples liñas tamén concéntricas moi finas. A superficie interna é branca ou amarelada, na que se marca a pegada dos músculos adutores e un saco paleal fondo.
Vive na franxa infralitoral, ata 100 m de profundidade, enterrado no fondo de area e grava. Distribúese na costa europea do Atlántico, desde Noruega ata Marrocos e as illas de Madeira.
Péscase con rastros desde a embarcación, normalmente como acompañante doutras ameixas que son o obxectivo dos mariscadores (ameixa babosa ou ameixa rubia). Comercialízase en fresco ou conxelada, para preparados de paella. Cocíñase como calquera outra ameixa pero é de carne máis dura que estas.
A cornicha ou ameixa branca (Spisula solida, Linnaeus 1758; antes Mactra solida) é un molusco bivalvo mariño pertencente á familia dos Máctridos (Mactridae), da orde Veneroida.