dcsimg

Visgo ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O visgo[1] (Viscum album), é unha planta semiparasita pertencente á familia das santaláceas. É nativa de Europa e da Asia occidental e meridional, tamén das Américas.

 src=
Lámina co visgo.

Descrición

Planta semiparasita que medra sobre as pólas de diversas árbores, principalmente especies de folla caduca, como maceiras, carballos ou chopos, mais tamén sobre algunhas variedades de piñeiros.

Os seus talos dicotómicos poden chegar a medir até 1 metro e divídense desde a base en varias franzas, espalladas, galladas, cilíndricas e divididas en nós. As follas, de cor amarela verdosa e entre 2 a 8 cm de longo por 0,80 a 2,5 cm de largo, dispóñense en pares opostos, son lanceoladas, enteiras e de textura correosa. As flores son miúdas (2–3 mm de diámetro) son dioicas e tamén de cor amarela verdosa.

O froito é unha baga pequena, verde cando está inmatura e despois translúcida, de cor alba ou amarela. O mesocarpio contén unha polpa mesta cunha (raramente varias) semente que madura a finais do outono. Non é unha baga comestíbel.

A multiplicación é levada a cabo polos paxaros, en especial melros ou tordos que, ao se fretaren nas pólas, deixan fixadas as sementes pegañentas, a partir das cales se desenvolven unhas raíces capaces de chuchar o zume das pólas da árbore hóspede. Porén, as súas follas son capaces de facer a fotosíntese, polo que é considerada semiparasita.

Propiedades

A planta posúe propiedades medicinais; a súa substancia activa é a viscotoxina.

É diurética e hipotensora, aínda que a altas doses é tóxica.

As súas proteínas producen un descenso da forza contráctil do corazón, orixinando unha bradicardia. Tamén a lecitina específica de galactosa extráese desta planta e consegue unha mellora na calidade de vida dos pacientes sometidos a quimioterapia e radioterapia, xa que aumenta a resposta do sistema inmunolóxico e os niveis de endorfina do plasma B.

Etnografía

Na Idade Media usábase o seu óleo coma repelente para lobos.

A esta planta atribúenselle propiedades máxicas, existindo tradicións de orixe galaica e celta relacionadas coa fertilidade e o amor. Até os nosos días chegou a tradición de bicarse cando nos atopamos baixo dunha póla de visgo.

Coma planta máxica emprégase nalgúns lugares de Galiza coma unha das herbas de San Xoán. Antigamente, nas zonas rurais galegas crían que o visgo curaba as convulsións e que o raio non furaría nos carballos que tivesen visgo.

Cómpre non confundir esta planta cos acivros, xa que ambas as dúas especies se empregan coma enfeites de Nadal.

Historia

Esta planta foi considerada durante moito tempo polos antigos coma un remedio universal, o que facía que fose obxecto de gran veneración por parte de pobos celtas como os galos que se reunían arredor dos carballos carregados de visgo para facer as súas oracións baixo o sacerdocio dos druídas.[2].

Taxonomía

Viscum album foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 1023, no ano 1753.[3]

Subespecies presentes na Península ibérica
  • Viscum album subsp. abietis (Wiesb.) Abrom. - Baga branca piriforme; 1(2) embrións; follas de máis de 8 cm. Medra sobre Abies
  • Viscum album subsp. austriacum (Wiesb.) Vollm. - Baga amarelenta elipsoidal; 1(2) embrións; follas de 2 a 4 cm. Hábitat Europa central. Medra soamente sobre lárices (Larix), piñeiros (Pinus) e piceas (Picea)[4]
  • Viscum album subsp. album (Danser) D.G.Long - Baga branca esférica; 2-3 embrións. Hábitat lateeurosiberiana. Medra sobre planifolios como por exemplo os pradairos (Acer), carpes (Carpinus), nogueiras (Juglans), lamigueiros (Populus), ameixeiras e cerdeiras (Prunus) ou capudres e sorbeiras (Sorbus), entre outros.

Sinonimia

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para visgo.
  2. Diccionario enciclopédico popular ilustrado Salvat (1906-1914)
  3. Visgo en Trópicos
  4. Herbario Virtual del Mediterráneo Occidental
  5. Visgo en PlantList

Véxase tamén

Bibliografía

  • Hickman, J. C. 1993. Jepson Man.: Higher Pl. Calif. i–xvii, 1–1400. University of California Press, Berkeley.
  • Munz, P. A. 1968. Suppl. Calif. Fl. 1–224. University of California Press, Berkeley.
  • Nasir, E. & S. I. Ali (eds). 1980-2005. Fl. Pakistan Univ. of Karachi, Karachi.
license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Visgo: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O visgo (Viscum album), é unha planta semiparasita pertencente á familia das santaláceas. É nativa de Europa e da Asia occidental e meridional, tamén das Américas.

 src= Lámina co visgo.
license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician