A Tettigoniidae (tettigónidos) é unha familia de insectos ortópteros da que se coñecen 6 400 especies. Forman parte da suborde Ensifera, e son a única familia da superfamilia Tettigonioidea.
Son de hábitos principalmente nocturnos, e fan chamadas de apareamento estridentes, moitos presentan mimetismo e camuflaxe, normalmente con formas e cores similares a follas.[2]
O nome científico "Tettigoniidae" deriva do xénero Tettigonia coa terminación idae propia das familias. Tettigonia foi descrito por Linneo en 1748 e significa en latín chicharra, e procede á súa vez do grego tettigonion, o diminutivo da voz onomatopeica τέττιξ, tettix, chicharra.[3][4] Non obstante, as chicharras pertencen a outra familia.
Os Tettigoniidae varían en tamaño desde pequenos insectos de 5 mm ata grandes de 130 mm.[5] As especies menores viven normalmente en hábitats secos e máis estresantes. O seu pequeno tamaño está asociado cunha maior axilidade, desenvolvemento máis rápido, e baixas necesidades nutricionais. Os Tettigoniidae son insectos que viven nas árbores, cuxos sons se senten normalmente de noite durante o verán e inicios do outono.[6] Os Tettigoniidae poden distinguirse dos saltóns pola lonxitude das súas antenas filamentosas, que poden superar a lonxitude total do corpo, mentres que as antenas dos saltóns son sempre relativamente curtas e gordas.
O seu ciclo de vida dura aproximadamente un ano, e o estado completamente adulto desenvólvese moi tarde. As femias normalmente poñen os ovos, que son de forma oval, ao final do verán no solo ou en fila en buratos dos talos das plantas. A forma en que se desenvolve o seu ovipositor está relacionada coa súa adaptabilidade funcional nas áreas nas que pon os ovos. O ovipositor é un órgano usado polos insectos para poñer ovos. Consta dun máximo de tres pares de apéndices formados para transmitir os ovos, preparar o sitio para eles e situalos axeitadamente. Os Tettigoniidae poden ter ovopositores con forma de fouce cos que normalmente poñen ovos en plantas vivas ou mortas, ou poden ser uniformemente alongados que poñen ovos en talos de herbáceas. Cando eclosionan, as ninfas xeralmente parecen versións máis pequenas dos adultos, pero nalgunhas especies as ninfas non se parecen en nada aos dultos senón que imitan outras especies como arañas e redúvidos ou flores, para evitar ser depredadas. As ninfas permanecen con este aspecto imitador ata que son grandes dabondo para escapar da predación. Unha vez que completan a última muda, están preparadas para aparearse.[6]
Os Tettigoniidae encóntranse en todos os continentes agás na Antártida.[7] A gran maioría das especies viven en rexións tropicais.[2] Por exemplo, o bosque húmido da cunca do Amazonas é o fogar dunhas 2 000 especies coñecidas destes insectos.[2] Pero poden atoparse tamén en rexións temperadas e frías.
A súa dieta inclúe follas, flores, codias e sementes, pero moitas especies son exclusivamente predadoras, alimentándose doutros insectos, caracois ou mesmo pequenos vertebrados como cobras e lagartos. Algunhas considéranse pragas agrícolas e son fumigadas para limitar o seu crecemento, pero as densidades da poboación son normalmente baixas, polo que é raro que causen moitos danos económicos.[8] Observando a súa cabeza e pezas bucais, onde se poden ver diferenzas en canto á función, é posible determinar o tipo de alimento que consomen. Os Tettigoniidae máis grandes poden inflixir ao ser humano mordidas ou beliscos dorosos se os collens coa man, pero raramente poden perforar a pel.
Algunhas especies son comidas pola xente nalgúns países, como o nsenene (Ruspolia baileyi) en Uganda e zonas veciñas.
Os machos dos Tettigoniidae teñen un órgano produtor de sons (por medio de estridulacións) localizado no ángulo posterior das súas ás anteriores. Nalgunhas especies, as femias son tamén capaces de estridular. As femias fan un son parecido a renxer en resposta ao son máis estridente do macho. Os machos usan ese son para o cortexo, que ocorre posteriormente no verán.[9] O son prodúcese ao fretar dúas partes do seu corpo creando a estridulación, concretamente unha das partes é unha lima ou peite que ten rexas cristas, que se freta contra o plectrum, que produce a vibración.[10] O tamaño do insecto, o espazado das cristas, e a anchura do raspador inflúen nas características do son que fan.[11]
Moitos estridulan cun tempo que depende da temperatura ambiental, polo que o número de veces que renxen nun período definido de tempo pode servir para determinar de forma bastante exacta a temperatura ambiental que vai.
Algúns Tettigoniidae teñen espiñas en diferentes partes do seu corpo que funcionan de distintas maneiras. Os Listroscelinae teñen espiñas nos membros na superficie ventral do seu corpo. Funcionan creando unha especie de gaiola temporal para as presas sobre as pezas bucais. As espiñas están articuladas, son comparativamente flexibles, pero relativamente romas. Debido a isto úsanas para manter na gaiola pero non penetrar o corpo da presa. As espiñas da tibia e o fémur son normalmente máis agudas e non articuladas. Están deseñadas máis ben para a penetración ou a axudar á defensa. Funcionan normalmente ao adoptar o animal a postura de repouso diúrna para maximizar a defensa e impedir que os depredadores cheguen á súa cabeza.[12]
Cando os Tettigoniidae descansan durante o día, adoptan a postura de repouso diúrna para maximizar as súas cualidades crípticas. Esta posición engana aos predadores facéndoos pensar que están mortos ou son unha folla de planta. Varios Tettigoniidae teñen unha coloración brillante e unha mancha apical negra na superficie interna da tegmina, e coloracións brillantes nas ás posteriores. Ao moveren e abriren as súas ás canto son perturbados usan a coloración para enganar aos predadores que pensan que as manchas que teñen son ollos. Isto, xunto coa coloración, que imita follas, permítelles fusionarse coa contorna que os rodea, e tamén fai que os predadores estean inseguros de cal lado é a parte frontal e cal a parte posterior.[13]
Os machos dan regalos nupciais ás femias en forma dun espermatofílax, que é un corpo nutritivo unido ao espermatóforo que forma o macho e que a femia despois come. A función do espermatofílax é incrementar o tempo en que a femia permanece unida ao espermatóforo do macho e así o macho incrementa as súas posibilidades de paternidade.[14]
Os Tettigoniidae teñen relacións polígamas. O primeiro macho en aparearse ten garantida unha seguranza bastante alta de paternidade cando un segundo macho se acopla unha vez terminado o período refractario sexual da femia. Este investimento funciona para garantir a paternidade. Os nutrientes que as crías reciben finalmente indirectamente incrementan a fitness. O segundo macho que se aparea coa femia ao final do seu período refractario é xeralmente enganado.[15]
As relacións polígamas dos Tettigoniidae fan que haxa moita competición entre os machos. Esta competición está causada pola diminución da dispoñibilidade dos machos de fornecer ás femias con espermatóforos nutritivos. As femias producirán máis ovos cunha dieta de alta calidade, polo que as femias buscan os machos máis saudables con espermatóforos máis nutritivos. As femias usan o son emitido polo macho para xulgar a idoneidade do macho. Canto máis fluídos e altos sexan os sons, máis idóneo é o macho.[16]
Frecuentemente en especies que producen grandes cantidades de regalos alimenticios para as femias, son estas as que buscan aos machos para copular. Porén, isto tamén supón un custo para as femias, xa que o risco de predación é maior durante a busca. Hai tamén un balance de custo-beneficio no tamaño do espermatóforo que produce o macho. Cando o macho posúe un espermatóforo grande benefíciase de ter máis probabilidades de ser seleccionado polas femias, porén só ten a posibilidade de aparearse unha ou dúas veces durante a súa vida. Inversamente, os machos con menores espermatóforos gozan do beneficio de poder aparearse dúas ou tres veces por noite, pero con menores posibilidades de ser elixidos polas femias. Mesmo en tempos de estrés nutricional, os machos de Tettigoniidae continúan facendo o investimento en nutrientes no seu espermatóforo. Nalgunhas especies o custo de producir os espermatóforos é baixo, pero incluso nos casos nos que non é baixo, segue sen ser beneficioso reducir a calidade dos espermatóforos, xa que iso conduce a unha menor elección e éxito reprodutivo. Este baixo éxito reprodutivo atribúese nalgunhas especies de Tettigoniidae a que o espermatofílax que recibe a femia do macho como alimento durante a copulación incementa o rendemento reprodutivo. Porén, outros casos, a femia recibe pouco ou ningún beneficio.[17]
O comportamento reprodutor dos Tettigoniidae foi estudado estensamente. Os estudos realizados en 2010 na Universidade de Derby por Karim Vahed, Darren Parker e James Gilbert encontraron que Platycleis affinis tiña os testículos máis grandes en proporción á masa corporal de calquera animal que se coñeza. Supoñen o 14% da masa corporal do insecto e pénsase que permiten unha rápida taxa de reapareamento.[18]
Tettigoniidae é unha gran familia e foi dividida en varias subfamilias:
A Tettigoniidae (tettigónidos) é unha familia de insectos ortópteros da que se coñecen 6 400 especies. Forman parte da suborde Ensifera, e son a única familia da superfamilia Tettigonioidea.
Son de hábitos principalmente nocturnos, e fan chamadas de apareamento estridentes, moitos presentan mimetismo e camuflaxe, normalmente con formas e cores similares a follas.