Botelleira, botella, pataca, corbela ou marmulo, Fucus vesiculosus,[1][2][3] é unha olga mariña parda (Phaeophyta) que se espalla polo mar do Norte, o mar Báltico (costa oeste), o océano Atlántico e polo Pacífico. Frecuente no litoral galego, distínguese ben polas súas bogas ou vesículas cheas de gas nitróxeno.
É un argazo moi variábel cun talo de até 60 cm, de consistencia coriácea, dividido dicotomicamente, de cor marrón-verdosa e fixado ás rochas mediante un disco. As cintas da lámina teñen nervios centrais prominentes e vesículas arredondadas (aerocistes) cheas de gas azote a ambos lados dos mesmos, polas dúas caras, rematando nos receptáculos, que son alongados, agudos e mucilaxinosos. Pode medrar até 1 m de longo. O argazo Ascophyllum nodosum tamén ten vesículas de ar, mais non están en pares senón en serie. Ambas as dúas especies son comúns en moitas praias galegas e británicas.
As grandes algas pardas teñen ciclos de vida semellantes. Na madureza fórmanse corpos reprodutivos en conceptáculos situados no interior de receptáculos que se forman preto das puntas das pólas. Nestes conceptáculos prodúcense oogonios e anteridios e despois da meiose son liberados. Trala fecundación, o cigoto desenvólvese, intálase e medra para formar a planta en forma de esporófito diploide.
A gran fase vexetativa é diploide e gametofítica. A meiose prodúcese durante a formación dos gametos. Os óvulos fórmanse nas plantas femininas en conceptáculos incrustados nos receptáculos. Os espermatozoides e mais os óvulos son ceibados dos conceptáculos. Unha vez fecundado, o cigoto aséntase e medra até formar o novo gametofito diploide.[4]
A especie é común especialmente nas costas protexidas dende os niveis medios litorais até os baixos intermareais.[5] É rara na beiramar exposta onde calquera espécime pode ser curto, atrasado no crecemento e sen vesículas de gas.[6] Atópase nas costas atlánticas de Europa: Mar Báltico, Groenlandia, Azores, illas Canarias e na illa de Madeira.[7] É un argazo moi común nas costas galegas e das Illas Británicas.[8] Na costa atlántica de América do Norte aparece dende a illa de Ellesmere e a baía de Hudson até Carolina do Norte.[5]
Na Guarda e en Camposancos, onde se lle chama botelleira, empregábase para alimentar os porcos.
Fucus vesiculosus é unha importante fonte de iodo, elemento descuberto en 1812 e usado para tratar o bocio, enfermidade da glándula do tiroides por mor á deficiencia de dito elemento. Na década de 1860 co uso deste argazo coma estimulante da tiroides notouse que freaba tamén a obesidade polo incremento do metabolismo basal polo que se engadiu á listaxe de remedios para a perda de peso.
É coñecida polas propiedades contra a celulite e a obesidade. É de uso alimentario no Xapón, usado coma adubo en varios produtos. A botella emprégase tamén a xeito de comprimidos ou en po coma suplemento nutricional. Debe as súas propiedades a varios principios activos: ácido alxínico, outras mucilaxes: a fucoidina, a laminarina e diversos carotenoides (factores provitamínicos). Ten aceites esenciais e vitaminas A, B1, C, E e pequenas cantidades de B12; sales minerais, especialmente iodo, potasio, bromo, sodio, magnesio, ferro, manganeso, cloro, fósforo, fucosa, xofre e silicio; proteínas e lípidos. Utilízase o talo da alga. Por este contido en fucosa, un dos elementos principais para a produción do antíxeno do sangue do grupo 0 (doador universal), é recomendada por moitos especialistas coma o doutor Peter J. D'Adamo na súa obra "Os Grupos Sanguíneos e a Alimentación".
Coadxuva en dietas restrinxidas de adelgazamento. A mucilaxe ocupa o estómago, dando sensación de saciedade (absorbente capaz de chuchar 5 veces o seu peso en auga, ao chegar ao estómago, aumenta o seu volume e produce o efecto de fartar). Aumenta a masa fecal, é un laxante mecánico.
Os constituíntes primarios químicos deste argazo inclúen: mucilaxe, alxina, manitol, beta-caroteno, zeaxantina, iodo, bromo, potasio, aceites volátiles, e moitos minerais.
Botelleira, botella, pataca, corbela ou marmulo, Fucus vesiculosus, é unha olga mariña parda (Phaeophyta) que se espalla polo mar do Norte, o mar Báltico (costa oeste), o océano Atlántico e polo Pacífico. Frecuente no litoral galego, distínguese ben polas súas bogas ou vesículas cheas de gas nitróxeno.