O quebraosos[2][3] ou crebaosos[4][5] (Gypaetus barbatus) é unha ave de rapina da famila Accipitridae. A envergadura das súas alas, que pode acadar 2,9 metros, fan del unha das meirandes aves voadoras. Con só entre 225 e 250 parellas reprodutoras é unha das aves de rapina máis escasas de Europa.
A última cita documentada en Galicia data de xullo de 1858 polo que pode considerarse extinguida na nosa comunidade[6].
Miden entre 94 e 125 cm de longo, teñen unha envergadura alar de entre 2,30 e 2,83 m e pesan de 4,5 a 7 kg.
Os exemplares adultos teñen a plumaxe moi contrastada. A parte superior é negra agrisada, a cabeza, o pescozo e a parte inferior do corpo son de tons que van do branco ó avermellado. Destacan na cabeza as plumas negras en xeito de barba que lle caen sobre do bico. Os ollos teñen o anel esclerótico de cor vermella. A intensidade do vermello relaciónase co estado de excitación do animal: canto máis excitado está máis brillante é o vermello. O iris dos ollos é amarelo. As alas son longas, relativamente estreitas e afiadas cara ás puntas, que deixan caer lixeiramente cara a abaixo cando planean. O rabo é longo, con forma de cuña, ó contrario que no resto de voitres que presentan rabos moito máis curtos.
Os exemplares novos son case totalmente negros agrisados. Ata que teñen entre 5 e 7 anos non adquiren as cores de adulto. O dimorfismo sexual é moi pouco evidente: a femia é lixeiramente maior có macho e posúe un peteiro máis longo e afiado.
Distínguense claramente dos voitres típicos do xénero Gypaetus polas alas máis estreitas e o rabo máis longo. É un planador experto ó que abonda cunha lixeira corrente ascendente para poder deslizarse sobre os cumes das montañas e entre os acantilados.
Na actualidade ten unha distribución disxunta. Vive tanto en áreas montañosas de África como nos Pireneos, algunhas áreas e montañas dos sur de Europa, e en montañas do suroeste e centro de Asia, Mongolia e China central. Dentro desta área tan ampla diferéncianse dúas subespecies:
Son aves sedentarias, que permanecen ó longo do ano no mesmo territorio.
A especie desapareceu por mor da caza, da rexión dos Alpes, entre finais do século XIX e principios do XX. Grazas a un programa lanzado no 1978 pola WWF austríaca e a sociedade zoolóxica de Frankfurt conseguiuse a reintrodución da especie no 1986. Esta consistiu na solta controlada de inviduos criados en catividade en diferentes zoolóxicos europeos.
O quebraosos é unha ave típica de zonas montañosas e alpinas por riba da liña de crecemento das árbores. Precisa da presenza de correntes térmicas ascendentes e ter á súa disposición auga fresca. Sonlle tamén fundamentais a disposición de nichos axeitados nas paredes verticais para poder face-lo niño e a presenza no seu territorio de depredadores grandes coma, no caso de Europa, o lobo ou as grandes aves de rapina, para poder aproveitar os restos das súas capturas.
En Europa as rexións montañosas nas que viven teñen alturas que van dos 1.500 ós 3.000 metros mentres que no Himalaia acadan alturas de ata 7.800 metros. En Etiopía aparecen, poren, en altitudes moito máis baixas, a só 300 m sobre o nivel do mar.
Cada parella ou grupo familiar ocupa un territorio que vai dos 100 ós 400 km², tamaño que se incrementa moito durante o inverno, cando a dispoñibilidade de alimento é menor. De tódolos xeitos só son agresivos contra conxéneres e outras aves na área inmediata ó niño.
Os quebraosos viven exclusivamente de prea, agás polo consumo ocasional de tartarugas terrestres na cunca do Mediterráneo. En África observouse que comen tamén a placenta de gando doméstico e animais salvaxes.
A base da súa alimentación (un 80% do total), son os ósos e restos de animais mortos. Os exemplares novos teñen que consumir as partes musculares dos cadáveres, mentres que os adultos poden alimentarse case exclusivamente do miolo dos ósos. Un adulto precisa entre 250 e 400 gramos de ósos ó día. Paran rompe-los ósos en anacos de tamaño axeitado, déixanos caer dende grande altura sobre as pedras. As tartarugas capturadas son abertas cun sistema semellante ó que utilizan para quebra-los ósos.
Póusanse a certa distancia dos cadáveres antes de achegárense a estes á pé. Almacenan os restos non consumidos en despensas preto do niño ou das zonas de repouso.
Non ten competidores dentro do seu nicho alimenticio, polo que adoita agardar tranquilamente ata que os depredadores ou os outros voitres comen a súa parte do cadáver. Os ósos son unha fonte de alimento rica: conteñen de media un 12% de proteína, un 16% de graxa, un 23% de minerais e un 49% de auga. A cantidade baixa de auga no miolo dos ósos fai que precisen beber con regularidade, e tragan mesmo neve para mata-la sede.
Os quebraosos poden abrir a boca nun ángulo enorme. Un adulto pode tragar ósos de ata 18 cm de longo e 3 cm de ancho sen ter que rompelos. Os ósos meirandes teñen que ser esnaquizados. Como adaptación ás técnicas de preparación dos ósos as gadoupas do quebraosos son, a diferencia das doutros voitres, móbiles e as unllas afiadas. Isto facilítalles agarra-los ósos para elevalos ata alturas de entre 60 e 80 metros antes deixalos bater contra o chan. Adoitan usar regularmente lugares específicos do seu territorio (rompedeiros), en xeral áreas de laxes duns 30 metros cadrados. Deixan peta-los osos contra as pedras as veces que fagan falla ata que rompen en anacos do tamaño preciso.
Por ben que a tendencia a deixar caer ósos é innata, a aprendizaxe da técnica require tempo. As aves moi expertas chegan a deixar caer os ósos despois dun voo picado, o que aumenta a violencia do golpe contra o chan.
Historicamente tense documentado a depredación de tartarugas por parte de aves de rapina, entre elas o quebraosos. Estas presas eran lanzadas dende as alturas para romperlle a cuncha. Este hábito aínda se conserva alá onde aínda existan tartarugas, coma nos Balcáns, Grecia ou Anatolia. No resto da área mediterránea as tartarugas mediterránea (testudo hemanni) e mora (testudo graeca) extinguíronse ou as poboacións son mínimas, polo que xa non forman parte habitual da dieta da especie[7].
O quebraosos emprega un sistema de reprodución moi lenta, combinada cunha gran lonxevidade dos adultos nun medio estable[7]. De feito a esperanza de vida dun adulto oscila entre os 20 e 30 anos. Non soen existir flutuacións poboacionais drásticas e a expansión territorial é lenta e a moi longo prazo[7].
Durante o cortexo amosan claramente a súa grande habilidade para voar, con voos de persecución entre a parella, rizos no aire e voando pegados, ás veces agarrados polas gadoupas e deixándose caer case ata o chan. A estes xogos seguen fases nas que macho e femia están separados por varios metros voando de xeito sincronizado.
Fan o niño en fornelas inaccesibles nas paredes de rocha. A construción comeza en outubro e os niños son usados varios anos polas parellas que viven en relación monógama. Os niños máis vellos poden ser enormes, de ata 2 metros de alto e 3 de ancho. Na construción usan pólas e ósos e cobren a estrutura cunha molida de plumas e pelos de animais e, se os atopan, mesmo trapos e papel. Nun caso foi detectada nun nicho unha alfombriña.
A posta dos ovos ten lugar a finais de decembro ou en xaneiro. Adoitan poñer dous ovos, o segundo ó redor dunha semana máis tarde có primeiro. A incubación dura entre 52 e 58 días. O polo que sae da casca en segundo lugar adoita morrer, ó non poder competir có primeiro pola comida. A morte é causada case sempre pola fame, aínda que en casos excepcionais o pito máis vello mata o máis novo. Deste xeito o éxito reprodutivo é inferior a un polo por parella e ano[7]. Os ovos ábrense en xeral en marzo, cando a neve empeza a derreterse deixando á vista os cadáveres dos animais mortos no inverno, o que facilita atopar alimento para as crías. Os polos de quebraosos pasan no niño de 110 a 120 días.
Os quebraosos novos non son tan sedentarios coma os adultos aínda que raras veces abandonan as montañas nas que naceron. A súa plumaxe de inmaturos sérvelles de protección perante as agresións dos adultos territoriais, xa que estes toleran ós xuvenís mesmo cando están preto dunha presa. Chegan a idade adulta cando teñen entre 5 e 7 anos.
Ata os séculos XVII-XVIII, o quebraosos era unha especie frecuente nas costas norte, leste e sur de Africa. En Europa ocupaba practicamente toda a península ibérica, os Alpes, a Dalmacia e a totalidade das penínsulas helénicas e de Anatolia. Dende os séculos mencionados iniciouse a presecución contra estas aves o que provocou a extinción da especie en moitos lugares. Parte da persecución ós quebraosos, debeuse ó erro de consideralo un cazador de animais domésticos. Así, antiguamente, en alemán designábase a especie coma lammergeier ou cazador de años. Mesmo se lle acusaba de cazar nenos. Estas crenzas foron aceptadas por naturalistas da época coma Hyppolite Bouteille ou o suízo Friedrich von Tschudi, quen en 1890 escribiu:
Estas lendas, o roubo de ovos e matanza de individuos para as colecións e museos da época e o uso cada vez maior polos homes das zonas de montaña, fixeron que a especie fora exterminada nos Alpes en menos de 100 anos. A última ave alpina foi cazada en 1913 no val de Aosta en Italia. Co tempo, varios naturalista comezaron a sinalar a inofensividade da especie coma cazador e avogaron pola súa protección. Por exemplo podemos citar a François Levaillant, François Brehm ou Louis Lavauden.
A nova abundancia de grandes herbívoros salvaxes nos Alpes facilitou a reintroducción da especie a partir dos anos 70 do século XX. Os éxitos obtidos na reprodución en catividade no Zoo Alpino de Innsbruck (Austrìa) animou ós partidarios da idea.
No 1985 creouse unha rede internacional de cría en catividade, formada por centros especializados e zoolóxicos, sendo o seu nome en inglés bearded vulture Endangered Species Program[8]. Os individuos liberados ou seleccionados á cría en catividade eran seleccionados baseándose nas súas liñas xenéticas[8].
O primeiro intento de adaptar á natureza polos nados en catividade tivo lugar en 1986 en Suíza. O éxito fixo que se repetira a experiencia en áreas alpinas de Suíza, Francia e Italia. No outono do 2005 ceibáronse un total de 137 exemplares novos dos que sobreviviron uns 80. As campañas de reintrodución alpina foron acompañadas de campañas de información a agricultores e cazadores para convencelos de que a ave non era unha ameaza.
En España están a ser repoboados con esta especie os Picos de Europa. Mais o programa máis salientábel levouse a cabo en Andalucía. Nesta rexión comezouse a estudar a viabilidade dun proxecto de reintrodución no 1988[8]. A especie fóra moi abundante ata finais do século XIX, sobre todo nas Serras Béticas[8]. Sendo a última reprodución documentada en Cazorla (Xaén no 1983, e o último individuo avistado no 1986[8]. Finalmente realizáronse diversas liberacións no Parque Natural das Serras de Cazorla, Segura e Las Villas e no Parque natural da serra do Castril entre os anos 2006 e 2013[8]. Algúns destes individuos morreron, mais no 2015 confirmouse a cría con éxito dunha parella en Cazorla[8].
Aínda así os exemplares europeos sofren os efectos da caza, tanto nos Alpes coma nos Pireneos, onde morren ademais polos efectos de cebos envelenados. O roubo de ovos nos niños para os mercados de coleccionistas é relativamente habitual.
O quebraosos, pola súa aparencia e hábitos, ten sido fonte de moitas lendas e inspiración de artistas. Así, tense ligado o quebraosos coa ave mitolóxica fénix[7]. Parte da orixe deste mito provén da lenda tibetana do gurral sagrado (nome da especie no Tíbet). Segundo esta lenda, o niño da ave iluminábase pola noite. O fotógrafo e escritor Bengt Berg recolleu esta lenda obxecto de culto e peregrinou á fronteira entre o Tíbet e a India para o seu estudo. A súa obra literaria Der Lämmergeier im Himalaja tenta explicar a lenda dun xeito científico, baseándose na cantidade de fósforo acugulados nos niños debido ós osos en descomposición[7].
En Macedonia, críase que matar un ave ou destruír un niño era unha falta grave[7].
Na Persia clásica, a ave (coñecida coma Homa) era considerada de bo agoiro. Se algunha persoa era cuberta pola sombra dun quebraosos en voo, augurábase que esa persoa sería rei[7].
Tamén se cita o quebraosos na Biblia (Levítico, XI, 13), no Ramayana (a personaxe de Jatayu) e en innumerables poemas e cancións de tradición popular[7].
|data-acceso=
require |url=
(Axuda) O quebraosos ou crebaosos (Gypaetus barbatus) é unha ave de rapina da famila Accipitridae. A envergadura das súas alas, que pode acadar 2,9 metros, fan del unha das meirandes aves voadoras. Con só entre 225 e 250 parellas reprodutoras é unha das aves de rapina máis escasas de Europa.
A última cita documentada en Galicia data de xullo de 1858 polo que pode considerarse extinguida na nosa comunidade.