O dos ecdisozoos (Ecdysozoa) constitúe un suposto clado, ás veces considerado como un superfilo, de animais protóstomos,[1] que inclúe a artrópodos, (insectos, quelicerados, crustáceos, miriápodos), nematodos e varios pequenos filos máis, que teñen en común a posesión dunha cutícula externa (unha película resistente formada por secreción) e crecen por mudas ou écdise, que é o que lles dá o nome.
O clado non foi definido formalmente até 1997, por Anne Marie A. Aguinaldo e colaboradores, baseándose principalmente en árbores filoxenéticas construídas utilizando 18 xenes de ARN ribosómico.[2]
Porén, a súa pertinencia fora suxerida xa hai máis dun século, xa que os grupos que corresponden aproximadamente aos ecdisozoos foran propostos xa por Edmond Perrier en 1884,[3] e por Léon Gaston Seurat en 1920,[4] baseándose só na morfoloxía.
O termo Ecdysozoa está formado polos elementos do latín científico ecdys- e -zoa, tirados das raíces das palabras do grego antigo ἐκδύω ekdýō 'espir', 'despoxar' e ζώον zoon 'animal', cun -o- intercalado para facilitar a pronuncia, e rematado co sufixo -a, indicando substantivo neutro plural. Literalmente: 'os animais que medran mediante mudas'.
Un amplo estudo publicado en 2008 por Dunn et al. apoia firmemente a suxestión de que os ecdisozoos constitúen un clado, é dicir, un grupo composto por un atepasado común e todos os seus descendentes.[5]
O grupo tamén está apoiado nos caracteres morfolóxicos e pode considerarse que inclúe a todos os animais que mudan o seu exoesqueleto (écdise).
Pero o clado foi contestado por unha significativa minoría de biólogos. Algúns propuxeron grupos baseados nas técnicas taxonómicas máis tradicionais,[6] mentres que outros impugnaron a interpretación dos datos moleculares.[7][8]
A sistemática clásica agrupaba os artrópodos cos anélidos no supergrupo dos articulados (Articulata), o cal está directamente emparentado cos moluscos, os nematodos e o resto de pseudocelomados quedando, neste esquema, filoxeneticamente afastados dos articulados porque non teñen celoma, non están metamerizados etc.
Por tanto, o recoñecemento dos ecdisozoos como supergrupo dentro dos protóstomos non foi aceptado por todos os zoólogos, reticentes a adoptar un cambio tan drástico na clasificación dos animais. Non hai acordo xeral sobre a monofilia dos ecdisozoos, aínda que recentes análises cladísticos parecen demostrala.
A partir da análise conxunta de datos morfolóxicos e moleculares de Zrzavý et al. (1998),[9] as relacións filoxenéticas dos ecdisozoos serían as seguintes:
Ecdysozoa Cephalorhyncha Nematozoa PanarthropodaPor outra parte, a árbore filoxenética dos ecdisozoos suxerida por Dunn et al. (2008) é:[5]
Protostomia EcdysozoaO dos ecdisozoos (Ecdysozoa) constitúe un suposto clado, ás veces considerado como un superfilo, de animais protóstomos, que inclúe a artrópodos, (insectos, quelicerados, crustáceos, miriápodos), nematodos e varios pequenos filos máis, que teñen en común a posesión dunha cutícula externa (unha película resistente formada por secreción) e crecen por mudas ou écdise, que é o que lles dá o nome.