Os hespéridos (Hesperiidae) son unha familia de bolboretas. Esta familia fora anteriormente situada nunha superfamilia propia denominada Hesperioidea; porén, a taxonomía máis recente sitúaa dentro da superfamilia Papilionoidea. Son diúrnas e teñen un voo moi rápido e errático. A maioría teñen os extremos das antenas modificados formando unha proxección parecida a un gancho. Recoñécense máis de 3 500 especies de hespéridos, e viven en todo o mundo, pero cunha maior diversidade nas rexións neotropicais de América Central e Suramérica.[1]
Tradicionalmente, as Hesperiidae situábanse nunha superfamilia monotípica chamada Hesperioidea, porque eran morfoloxicamente distintas dos outros Rhopalocera (bolboretas), a maioría das cales pertencían á superfamilia máis típica das Papilionoidea. A terceira e máis ben pequena superfamilia de bolboretas era a Hedyloidea, que estaba restrinxida ao Neotrópico. Porén, análises filoxenéticas recentes suxiren que os tradicionais Papilionoidea son parafiléticos, e así as subfamilias tiveron que ser reorganizadas para reflectir as verdadeiras relacións cladísticas.[2][3]
En conxunto, estes tres grupos de bolboretas comparten moitas características, especialmente nos estadios de ovo, larva e pupa.[1] Porén, os hespéridos teñen antenas moi separadas na base e en maza con ganchos cara atrás como unha agulla de facer gancho, mentres que as bolboretas típicas teñen antenas con extremos en maza, e as Hedyloidea téñenas plumosas ou pectinadas (en peite) similares ás das avelaíñas. Os hespéridos adoitan ter corpos máis grosos e ollos compostos máis grandes que os outros dous grupos, con músculos alares máis fortes no seu gordo tórax, no cal lembran máis a avelaíñas que aos outros dous grupos de bolboretas. Pero, a diferenza delas, por exemplo, os Arctiidae, as ás son xeralmente pequenas en proporción co seu corpo. Algunhas teñen ás máis grandes, pero só raramente chegan a ser tan grandes en proporción ao corpo coma noutras bolboretas. Cando están en repouso, os hespéridos colocan as súas ás normalmente nun ángulo cara arriba ou estendidas, e só raramente as pregan completamente.[1]
As ás son xeralmente arredondadas cunhas ás anteriores con punta máis ou menos aguda. Hai algunhas con colas prominentes nas ás posteriores, e outras que teñen ás máis anguladas; porén, a forma da á básica dun hespérido non varía moito en comparación cos Papilionoidea. A maioría teñen unha coloración bastante apagada na que predominan as cores marrón e gris; algunhas son máis nitidamente brancas e negras. Os tons amarelo, vermello e azul encóntranse rara vez, pero algunhas especies que en gran parte son marróns teñen tamén unha rica coloración. As cores verdes e metálicas iridescentes están xeralmente ausentes. O dicromatismo sexual está presente nalgunhas; os machos poden ter unha banda de tons negros ou unha mancha de escamas aromáticas (que soltan feromonas) nas ás anteriores.[1]
As veas das ás anteriores non presentan ramificacións, partindo todas da base da á ou da cela; teñen cinco veas radiais, que parten todas desde a cela. As súas eirugas son cilíndricas, de cabeza grande e pescozo estreito e viven agochadas baixo follas que enrolan e fixan con fíos de seda.
Moitas especies de hespéridos son moi parecidas entre si. Por exemplo, algunhas especies dos xéneros Amblyscirtes, Erynnis e Hesperia non poden distinguirse nun exame de campo nin sequera por expertos, que teñen que recorrer para diferencialas a diseccións e exames microscópicos dos xenitais, os cales teñen estruturas características que impiden o apareamento con outras que non sexan da súa propia especie.[1]
Hai unhas 3 500 especies de hespéridos. Actualmente son clasificadas nas seguintes subfamilias:[4]
Subfamilia de bolboretas relativamente grandes cun tórax ensanchado e un abdome comparativamente estreito e curto. Teñen ollos prominentes e as súas principais características diagnósticas (pouco aparentes) son ter o terceiro segmento dos palpos labiais longo e delgado (en forma de subela ou punzón), posuír un único par de sedas sensoriais (chaetosemata) sobre a cabeza (dúas nas demais subfamilias) e por non ter na base das antenas (como no resto de subfamilias), un mechón de escamas filiformes (pestanas) que se estende sobre o ollo. As ás anteriores son longas e estreitas e as posteriores arredondadas. As eirugas, de cores vivas, aliméntanse de dicotiledóneas. Hai 75 especies, que viven nas zonas tropicais de África, Australasia e Asia Oriental.
Subfamilia cunha única especie australiana (Euschemon rafflesia). Trátase dunha bolboreta grande, de cores vivas, cunha característica absolutamente única na familia das Hesperiidae e nos ropalóceros en xeral: as ás anteriores e posteriores teñen frénulo e retináculo, estruturas constituídas por escamas modificadas que manteñen as dúas ás unidas durante o voo.
Subfamilia na que as ás dianteiras dos machos presentan a miúdo un pregamento costal que alberga as androconias. Pousan coas ás estendidas, frecuentemente no envés das follas. A á posterior ten unha forma arredondada ou trapezoidal. As eirugas aliméntanse de dicotiledóneas. Comprende 130 xéneros e unhas 1 150 especies, de distribución cosmopolita pero das cales unhas 750 son neotropicais. Inclúe as especies da antigamente considerada subfamilia Pyrrhopyginae.
Igual que as bolboretas da subfamilia Pyrginae, na que antes estaban incluídas, pousan coas ás estendidas. Á posterior alongada ao longo das veas anais, ás veces prolongada por unha rechamante cola, dándolle á á un perfil máis ou menos triangular. As eirugas aliméntanse de dicotiledóneas. Exceptuando un único xénero de Asia Oriental (Lobocla), a maioría das especies desta subfamilia viven no Neotrópico alcanzando algunhas especies Norteamérica. Ten 52 xéneros.
Subfamilia de bolboretas pequenas, duns 30–40 mm de envergadura, de corpo esvelto e ás comparativamente anchas. A cabeza e o tórax son menos anchos que noutras Hesperiidae. O abdome é máis estreito e xeralmente máis longo que as ás posteriores. Teñen dous caracteres distintivos, aínda que pouco evidentes a simple vista, son os palpos labiais alongados e pelosos así como a ausencia ou a forte redución da epífise na tibia das patas anteriores. As ás teñen xeralmente a cara superior de cor castaña escura con manchas crema ou alaranxadas. A cara inferior reproduce o mesmo debuxo, coas manchas dunha cor máis clara. En repouso, ao tomaren o sol, manteñen as ás abertas uns 45 graos. As eirugas aliméntanse de herbas da familia das Poáceas. Comprende 16 xéneros e 170 especies de África tropical, Paleártico e Neotrópico (100 especies neotropicais).
Nesta subfamilia, as ás en repouso, teñen unha disposición particular, coas ás dianteiras horizontais e as traseiras medio abertas, formando un ángulo coas dianteiras. A vea M2 da á dianteira está marcadamente curvada cara á vea M3. As eirugas aliméntanse principalmente de monocotiledóneas, e algunhas especies especializáronse en perforar as raíces e os talos de Yucca e Agave. Estas especies agrupábanse antigamente nunha subfamilia separada (Megathyninae) pero os caracteres particulares que presentan débense, fundamentalmente, ao alto grao de especialización alcanzado por estas especies. Ten 325 xéneros e 2 000 especies de distribución cosmopolita, a metade delas neotropicais.
Subfamilia estreitamente emparentada coa anterior, da cal se diferencia por ter as veas discocelulares da á traseira dirixidas cara ao ápex da á (estas son verticais ou apuntan cara á base da á nos Hesperiinae). As eirugas, como ocorre nos Hesperiinae, aliméntanse de monocotiledonas. Consta de 16 xéneros e 60 especies de Australia, Nova Guinea e illas próximas.
Os hespéridos (Hesperiidae) son unha familia de bolboretas. Esta familia fora anteriormente situada nunha superfamilia propia denominada Hesperioidea; porén, a taxonomía máis recente sitúaa dentro da superfamilia Papilionoidea. Son diúrnas e teñen un voo moi rápido e errático. A maioría teñen os extremos das antenas modificados formando unha proxección parecida a un gancho. Recoñécense máis de 3 500 especies de hespéridos, e viven en todo o mundo, pero cunha maior diversidade nas rexións neotropicais de América Central e Suramérica.