O pilro de Temminck ou pilriño patiamarelo (Calidris temminckii) é unha pequena ave limícola. O seu nome específico púxoselle en honor do naturalista holandés Coenraad Jacob Temminck.[3][4]
Son limícolas moi pequenos de 13,5 a 15 cm de lonxitude. Son similares en tamaño aos pilros pequenos (Calidris minuta), pero de patas máis curtas e ás máis longas. As patas son amarelas e as plumas exteriores da cola son brancas, a diferenza das patas escuras e plumas externas da cola grises do pilro pequeno.
É unha ave bastante parda, con partes superiores e cabeza principalmente marróns lisas e partes inferiores brancas excepto o peito máis escuro. O adulto reprodutor ten algunhas plumas avermelladas algo máis vistosas, dentro dunha aparencia bastante pouco distintiva. En plumaxe de inverno, a aparencia xeral lembra unha versión reducida do bilurico bailón.
A súa chamada é un trilo forte.
O seu hábitat de reprodución son as lameiras e marismas da taiga ártica do norte de Europa e Asia. Reprodúcese no sur de Escandinavia e ocasionalmente en Escocia. Ten unha distintiva forma de voar peneirando. Aniña nunha depresión que escava no chan, onde pon 3 ou 4 ovos. É unha ave moi migratoria, e pasa o inverno en zonas de auga doce de África tropical, o subcontinente indio e partes do sueste asiático. É unha das especies ás que se aplica o Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias africano-euroasiáticas (AEWA).
O pilro de Temminck ten un intrigante modo de reproducirse e coidar as crías no cal o pai e a nai incuban distintas postas de ovos, normalmente situadas en lugares diferentes. Os machos establecen pequenos territorios e aparéanse cunha femia que pon unha primeira posta de ovos. Despois ela vaise a un segundo territorio e aparéase, e pon alí unha segunda posta de ovos que incuba ela mesma. Ao mesmo tempo, o seu primeiro macho pode aparearse cunha segunda femia, que pon á súa vez unha segunda posta de ovos no seu territorio. O macho choca el só a primeira posta de ovos da súa primeira parella.
Informouse dun aparente híbrido entre esta especie e o pilro pequeno nos Países Baixos.[5]
Estas aves aliméntanse en zonas de lama branda con algo de vexetación, apañando co peteiro o alimento que estea visible. Teñen un comportamento alimenticio distintivo similar ao dun rato, trepando continuamente ao longo das beiras das lagoas. Comen principalmente insectos e outros pequenos invertebrados. Non son tan gregarios coma outros limícolas do xénero Calidris e raramente forman grandes bandadas.
En plumaxe non reprodutor en Purbasthali, Bengala Occidental, India.
En plumaxe reprodutor no Parque Nacional de Keoladeo, Raxastán, India.
O pilro de Temminck ou pilriño patiamarelo (Calidris temminckii) é unha pequena ave limícola. O seu nome específico púxoselle en honor do naturalista holandés Coenraad Jacob Temminck.