A estruga maior ou ortiga maior[1] (Urtica dioica L.), é a planta máis común do xénero Urtica da familia das Urticaceae. Acada entre 50 e 150 cm. e a característica máis coñecida desta planta é a presenza de pelos urticantes cuxo líquido cáustico (acetilcolina) produce unha irritación con proído intenso na pel cando se toca ou roza. Ten o talo de sección cadrada, follas ovais, co bordo aserrado, as súas flores son miúdas, unisexuais, inconspicuas e agrupadas en glomérulos.
É común en Galiza.
A taxonomía da estruga maior no xénero Urtica foi confusa, e as fontes antigas eran dadas a usar unha gran variedade de nomes sistemáticos para estas plantas. Anteriormente, eran recoñecidas máis especies das que son actualmente aceptadas. Con todo hai finalmente cinco claras subespecies, algunhas clasificadas anteriormente como especies:
A estruga é gamallo perenne, dioico, de aspecto basto e que pode alcanzar até 1,5 m de altura.
É característico desta planta posuír uns pelos urticantes que teñen a forma de pequenas bochas cheas dun líquido irritante que ao contacto coa pel producen unha lesión e verten o seu contido (ácido fórmico, resina, histamina e unha substancia proteínica descoñecida) sobre ela, provocando broullas, coceira e proído. Este proído débese á acción do ácido fórmico, composto do que contén unha gran cantidade. Estes pelos son moi duros e febles na punta, polo que é de abondo o rozamento para provocar a súa rotura.
A raíz, é moi rica en taninos, que lle confiren unha acción adstrinxente.
Posúe un talo avermellado ou amarelado, ergueito, cuadrangular, ramificado e baleirado nos entrenós. Está dotado en todos os nós de parellas de follas, e está recuberto de pelos urticantes.
As follas son de figura ovalada, rugosas, aserradas, rematadas en punta, e de até 15 cm. Son cor verde escura. Atópanse opostas e tamén están provistas, do mesmo xeito que o talo, dos pelos que a caracterizan.
Florea do mes de xullo en diante. As flores son verde amareladas con estames amarelos, reunidas en panículas pendulares, asilares e terminais. Normalmente son unisexuais, pequenas e dispostas en acios pénsiles de até 10 cm; e as femininas atópanse en longos amentos pénsiles e as masculinas en inflorencencias máis curtas.
Os seus froitos son aquenios (cápsulas) e secos.
A estruga é unha especie cuxas follas eran xa citadas nos tratados medievais coma menciña nos estados asociados a un déficit na diurese. Con todo, desde hai vinte anos as súas partes subterráneas (raíces e rizomas) son obxecto de interese no tratamento da hiperplasia benigna de próstata (HBP), tal e como puxeron de manifesto os numerosos traballos de investigación realizados sobre elas. Ditas pescudas permitiron acceder ao coñecemento dos seus máis importantes principios activos e á súa actuación sobre algúns dos factores implicados na aparición da HBP. Por outra banda, os máis recentes ensaios clínicos realizados con extractos normalizados de estruga indican un efecto positivo sobre os síntomas urinarios asociados á HBP. A iso engádese a gran tolerancia cara aos preparados elaborados coas partes subterráneas, xa que en ensaios a seis meses só un 0,7 por cento dos pacientes amosou efectos secundarios, de escasa gravidade en todos os casos.
Composición química: contén flavonoides (de acción antioxidante e antinflamatoria), sales minerais, ácidos orgánicos, pro vitamina A e C, mucilaxe, ácido fórmico, clorofila, taninos, resina, silicio, acetilcolina, potasio, glucoquininas e unha gran cantidade de clorofila (de aí a súa cor verde escura e intensa), histamina e serotonina.
A planta tamén posúe unha substancia chamada secretina, que é un dos mellores estimulantes das secreciones estomacais, do páncreas e da bile, así como dos movementos peristálticos do intestino.
Tamén contén clorofila e ácidos orgánicos, aos que se debe o seu marcado efecto diurético e uricosúrico.[2] Propiedades da estruga comprobadas cientificamente: os extractos son lixeiramente hipoglucemiantes. Ten propiedades bactericidas e efectos favorábeis nos tratamentos das afeccións da pel (Príhoda, 1990; Wren, 1994).
Uso medicinal aprobado pola Comisión Revisora de Produtos Farmacéuticos: rubefaciente
A estruga maior é cosmopolita, medra en rexións altas, e vai desde o Xapón até os Andes. Na península Ibérica é moi abundante na Cordilleira cantábrica. É abundante en Galiza.
Podémola atopar en calquera lugar onde moren persoas ou gando (disque vai tras del). Medra en solo húmidos e ricos en azote, en currais, en hortas, ao longo dos beirís dos camiños e corredoiras, de muros de pedra, nas leiras ou na montaña, etc.
Apáñase a planta enteira, dependendo do uso que se lle vaia a destinar. Pode utilizarse seca ou recentemente apañada. En fitoterapia, os naturistas aconsellan colleitar as unidades floridas (herba urticae), ou simplemente as follas (folium urticae) dos talos novos. Para levar a colla a bo fin, procédese antes da floración, e o enxugado debe de realizarse o máis axiña posíbel.
Con fins medicinais colleitarase nos meses de maio, xuño, xullo e agosto aínda que pode colleitarse ao longo de todo o ano. Con fins alimenticios, apáñase en calquera período. Polo seu poder urticante débese colleitar con luvas e córtanse só os talos novos e sans. As raíces colléitanse na primavera (marzo) e no outono (novembro). Antes da aparición das flores, a planta é máis tenra. As follas vellas non se deben usar debido a que son moi irritantes e tóxicas para o ril.
Enxúgase á sombra, ventilada e ben estendida. Unha vez seca, deixa de ser urticante, gárdanse só as follas e pódense esmagar ou esmiúzar para a súa conservación. Deste xeito continúase gozando dos seus beneficios no inverno, momento no que é imposíbel atopalas frescas.
Malia ter esta planta má fama, as súas virtudes son moitas e moi beneficiosas para a saúde.
Nutricionalmente é de grande importancia pola súa riqueza en sales minerais e vitaminas. As estrugas conteñen vitamina A e C, ferro, ácido salicílico e proteínas.
Á parte de nutritiva, ten gran cantidade de propiedades medicinais:
A súa fibra é utilizada de xeito semellante ao liño.
• Evitar en caso de edemas orixinados por insuficiencia renal ou cardíaca.
• Non usar como tintura alcólica en nenos menores de dous anos e en persoas en proceso de desintoxicación alcólica.
• Como remedio diurético debe ser evitado por persoas con problemas de hipertensión arterial, cardiopatías ou insuficiencia renal, agás por descrición e baixo control médico.
• A inxesta de 20 ou 30 sementes produce un efecto purgante drástico.
As follas desta planta son un dos ingredientes do preboggion, mestura de herbas típica da cociña da Liguria.
Os preparados de Urtica dioica están exentos de toxicidade tanto aguda como crónica.
Números cromosomáticos de Urtica dioica (Fam. Urticaceae) e táxones infraespecíficos: 2n=52.[3]
A estruga maior ou ortiga maior (Urtica dioica L.), é a planta máis común do xénero Urtica da familia das Urticaceae. Acada entre 50 e 150 cm. e a característica máis coñecida desta planta é a presenza de pelos urticantes cuxo líquido cáustico (acetilcolina) produce unha irritación con proído intenso na pel cando se toca ou roza. Ten o talo de sección cadrada, follas ovais, co bordo aserrado, as súas flores son miúdas, unisexuais, inconspicuas e agrupadas en glomérulos.
É común en Galiza.