O falaropo bicogroso[2] ou falaropo cincento,[3] Phalaropus fulicarius, é unha pequena ave limícola. Este falaropo reprodúcese nas rexións do Ártico de Norteamérica e Eurasia. É unha ave migrtoria e, de maneira pouco común nunha limícola, migra principalmente seguindo rutas oceánicas e inverna no mar nos océanos tropicais. En Galicia é o falropo máis común, pero aínda así é unha ave de paso ou invernante escaso.[3]
A especie foi descrita na 10ª edición de Systema Naturae por Carl Linnaeus en 1758 co nome Tringa fulicaria.[4]
O nome do xénero procede do latín científico Phalaropus, derivado do grego antigo phalaris, 'galiñola', e de pous, 'pé'. O nome específico fulicarius procede do latín fulica, 'galiñola', é dicir, 'pés de galiñola', pola semellanza entre as súas dedas.[5][6]
Mide uns 21 cm de lonxitude, ten dedas lobuladas e un bico recto, algo máis groso que o do falaropo bicofino. A femia reprodutora é predominantemente marrón escura e negra por arriba, coa parte inferior vermella e manchas brancas na meixela. O bico é amarelo coa punta branca. O macho reprodutor é unha versión máis apagada da femia. Os paxaros novos son grises claros e marróns pola parte superior, coa parte inferior beixe e manchas escuras na zona do ollo. En inverno, a plumaxe é esencialmente gris por arriba e branca por abaixo, pero a mancha negra dos ollos está sempre presente. O bico é negro en inverno. A súa chamada describiuse como un curto bik.
Os roles máis típicos dos dous sexos nas aves están invertidos nas tres especies de falaropo. As femias son maiores e máis coloreadas que os machos. As femias perseguen os machos, compiten polo teritorio de nidificación e defenden agresivamente os seus niños e os machos elixidos. Unha vez que as femias poñen os seus ovos marróns oliváceos, empezan a súa migración ao sur, deixando os machos incubando os ovos e coidando das crías que nacerán. Poñen de tres a seis ovos nun niño en terra preto da auga. A incubación dura 18 ou 19 días.[7] As crías aliméntanse case por completo por si mesmas e poden voar aos 18 días de vida.
Cando se alimenta adoita nadar facendo un círculo pequeno e rápido, formando un pequeno remuíño. Este comportamento crese que lle axuda a alimentarse ao levantar a comida do fondo das augas pouco profundas. A ave chega á pate externa do vórtice co seu bico, recollendo pequenos insectos ou crustáceos. Ás veces voan para capturar insectos en voo. No océano aberto encóntranse en áreas onde converxen correntes oceánicas e hai afloramentos e a miúdo encóntranse preto de grupos de baleas. Fóra da estación de nidificación adoitan viaxar en bandadas.
Esta especie a miúdo é mansa e deixa que se lle aproximen.
É unha das especies ás que se lle aplica o Acordo sobre a conservación de aves acuáticas migratorias africano-euroasiático (AEWA).
O falaropo bicogroso ou falaropo cincento, Phalaropus fulicarius, é unha pequena ave limícola. Este falaropo reprodúcese nas rexións do Ártico de Norteamérica e Eurasia. É unha ave migrtoria e, de maneira pouco común nunha limícola, migra principalmente seguindo rutas oceánicas e inverna no mar nos océanos tropicais. En Galicia é o falropo máis común, pero aínda así é unha ave de paso ou invernante escaso.