Agaricales é unha orde de fungos da clase Agaricomycetes que inclúe algúns dos cogomelos máis coñecidos. Noutrora estaba incluído na clase Homobasidiomicetes,[2] hoxe en desuso.[3] A orde ten 33 familias, 413 xéneros, e arredor de 13000 especies descritas.[3] Inclúe multitude de cogomelos coñecidos, dende o ubicuo champiñón común ou Agaricus bisporus, á mortal cacaforra Amanita virosa, así coma fungos alucinóxenos e velenosos coma o rebentabois (Amanita muscaria) ou especies bioluminiscentes coma o Omphalotus olearius.
Algúns fungos con corpos frutíferos en forma de cogomelo con chapeu, coma Cantharellus, foron clasificados tradicionalmente en distinto grupo que o resto de Agaricales. Grazas aos estudos moleculares, estase a albiscar que hai máis grupos diverxentes do que se pensou nun principio, coma os xéneros Russula e mais Lactarius, aos que se teñen situado nunha orde distinta, Russulales, e outros fungos de lamelas, que inclúen especies coma Paxillus involutus e mais Hygrophoropsis aurantiaca, que amosan unha maior afinidade con Boletus, e aos que se teñen situado na orde Boletales.
Por outra banda, a algúns fungos de morfoloxía bastante diferente, como os Lycoperdon e algúns fungos clavaroides, coma o xénero Typhula e maila especie Fistulina hepatica, foron recentemente clasificados dentro da orde Agaricales.
O termo agárico ten sido tradicionalmente referido á orde Agaricales, aos que se definiron exactamente coma os fungos con lamelas. Tralos descubrimentos descritos enriba, eses dous termos non poden considerarse sinónimos (malia haber moitos solapamentos entre eles).
A orde Agaricales é ubicua, sendo atopada en todos os continentes. Aínda que todos son terrestres, os seus hábitats inclúen todo tipo de pantanos, lameiros e pasteiros, variando grandemente dunha especie a outra.
Os basidiocarpos das especies desta orde son tipicamente carnosos, cun estipe ou pé, un píleo (ou chapeu) e lamelas, onde os basidios se almacenan. Esta é a estrutura tipo do que se coñece como cogomelo.
O ciclo de vida das especies da orde Agaricales é moi representativo de Basidiomycota. É frecuente neste taxon atopar especies que presentan hifas septadas, con fíbulas, ou conexións en abrazadeira (clamp connections), e células dicariotas.[4][5][6]
As basidiosporas sempre son expulsadas dos basidios entre os bordos da lamela, para posteriormente caer no chan ou ser transportadas polo vento.
Agaricales é unha orde de fungos da clase Agaricomycetes que inclúe algúns dos cogomelos máis coñecidos. Noutrora estaba incluído na clase Homobasidiomicetes, hoxe en desuso. A orde ten 33 familias, 413 xéneros, e arredor de 13000 especies descritas. Inclúe multitude de cogomelos coñecidos, dende o ubicuo champiñón común ou Agaricus bisporus, á mortal cacaforra Amanita virosa, así coma fungos alucinóxenos e velenosos coma o rebentabois (Amanita muscaria) ou especies bioluminiscentes coma o Omphalotus olearius.